O Parlamento italiano pide a disolución de Forza Nuova

Moción, non vinculante, aprobada en ambas as Cámaras.
EuropaPress_4008802_16_october_2021_italy_rome_demonstrators_release_balloons_during_rally_held
photo_camera Manifestación contra o fascismo do sábado pasado en Roma (Foto: Angelo Carconi / ANSA)

A Cámara de Deputados italiana aprobou esta quinta feira a moción presentada polos grupos de centroesquerda ─Partido Democrático (PD), Movemento 5 Estrelas (M5S), Libres e Iguais (LeI) e Italia Viva (IV)─ pedindo a ilegalización da formación neofascista Forza Nuova (FN), tras o ataque á sede en Roma do sindicato maioritario CGIL nunha protesta contra o 'pasaporte Covid' o 9 de outubro. Os grupos do centrodereita ─incluído o da ultradereitista Irmáns de Italia (FdI) abstivéronse.

A moción en paralelo dos grupos conservadores ─FdI, Liga por Salvini Premier (Liga), Forza Italia (FI) e Coraxe Italia (CI)─, pedindo ao Goberno "contrarrestar todas as realidades subversivas, sen excepción", é dicir, ilegalizar todos os grupos subversivos, sexan de dereita ou de esquerda, tamén saíu adiante coa abstención do centroesquerda. 

A primeira das mocións foi aprobada con 225 votos a favor e 198 abstencións, mentres que a segunda recibiu 193 votos a favor, 3 en contra e 224 abstencións. A votación de onte na Cámara baixa chega ao ronsel da realizada na véspera no Senado, onde tamén ambas as propostas prosperaron. 

A moción solicitando a ilegalización da organización neofascista concretamente urxía ao Goberno "a adoptar medidas [...] para disolver Forza Nuova e todos os movementos políticos de clara inspiración fascista". A aprobación parlamentaria, non obstante, non é vinculante.

Con todo, o primeiro ministro italiano, Mario Draghi, que lidera un Executivo de "unidade nacional", manifestou a semana pasada que o seu Goberno estaba a barallar esta posibilidade.

Ilegalización por decreto

Baixo a lexislación actual, as formacións neofascistas só poden ser ilegalizadas tras unha decisión xudicial, que debe estar argumentada na constatación de que as accións destas buscan a resurrección do vello Partido Fascista que gobernou en Italia desde 1922 até 1943.

Porén, o Goberno ten a potestade de ilegalizar por decreto organizacións que considere que entrañan unha seria ameaza para a democracia para as liberdades constitucionais. 

Fundada en 1997, FN é un dos máis prominentes partidos de extrema dereita en Italia, aínda que a súa visibilidade está relacionada cos casos de ataques a inmigrantes dos que é acusada e polos habituais enfrontamentos coa Policía, non polos logros electorais, que son nulos.

Comentarios