As enquisas apuntan a un histórico triunfo do Sinn Féin na República de Irlanda o 25M

O veterano partido republicano sería o máis votado nas circunscricións de Eire. O Sinn Féin fai campaña cun discurso nacionalista e de esquerdas, presentándose como únicos garantes dunha verdadeira soberanía da Illa.

Gerry Adams
photo_camera Gerry Adams

A formación republicana encabeza as sondaxes en varias circunscricións da illa. Sob o lema ' Éire chun Cinn' (Poñendo a Irlanda primeiro) o Sinn Féin podería obter un histórico resultado na cita electoral do 25 de maio. Iso é, ao menos, o que vaticinan as enquisas publicadas nestes dúas polos xornais irlandeses Irish Independent e Sunday Independet.

A menos dun mes da cita coas urnas, o histórico partido republicano obtería catro escanos na Eurocámara. Un resultado que, sinalan analistas políticos irlandeses, supón todo un terremoto no mapa electoral da Illa esmeralda polo que ten de “patada no cú” das 2 principais formacións (Fine Gale, Fianna Fail) e tamén do Partido Laborista.

Seis condados e 26 condados

Aliás do resultados nos 6 condados baixo administración británica (onde o Sinn Fein obterá un deputado segundo as sondaxes e consolidarase como 2ª forza), o verdadeiro triunfo do veterano partido independentista tería lugar nos 26 condados, na República de Eire. Esta parte da Illa está divida en tres circunscricións. As enquisas apuntan a que o SF obtería 3 europarlamentarios, fronte os partidos da histórica alternancia bipartidista na República Fine Gael e Fianna Fáel, que poderían ter 2 cada un; mentres que @s laboristas só aspirarían a un escano.

Soberanía, socialismo

En Dublín están en reparto 3 escanos. As sondaxes sinalan como máis votada á lista de Lynn Boylan (Sinn Fein), con máis do 20% dos votos. O segundo posto sería para unha candidatura inependente e o terceiro para o Fine Gael.

Na circunscrición de Midlans (4 deputada@s) as sondaxes están encabezadas por Matt Carthy (Sinn Féin), cun 17% dos votos. E na circunscrición do sur da Illa a vitoria sería para o Fianna Fail (36% dos apoios), sendo o segundo posto para Liadh Ni Riada (Sinn Féin) con máis do 15% dos sufraxios.

O conservador Fine Gael e o socialdemócrata Partido Laborista gobernan en coligación. As sondaxes apuntan a un duro castigo, sobre todo nas zonas máius urbanas (Dublin).

Comentarios