Emerxencia pola seca do río Paraná

Dous anos despois da primeira detección dunha baixada preocupante no nivel de auga do río Paraná, unha das principais vías de transporte de mercadorías na zona, a rexión padece unha seca agravada para a que aínda non se percibe final, poñendo en risco  a subministración de auga ou as exportacións.
O río Paraná reportou en 2021 o terceiro caudal anual máis baixo desde 1901. (Foto: Goberno da Arxentina)
photo_camera O río Paraná reportou en 2021 o terceiro caudal anual máis baixo desde 1901 (Foto: Goberno da Arxentina).

O río Paraná nace no Brasil e chega ao océano Atlántico tras pasar por Paraguai e a Arxentina, uníndose ao río Uruguai para formar o río da Plata, que delimita a fronteira entre a república austral e a Oriental.

Ademais, é o segundo máis longo de América do Sur, tras o Amazonas. Durante 3.400 quilómetros, o tráfico fluvial que percorre as súas augas convérteo nunha das principais vías de tránsito de mercadorías do continente.

Anualmente move 47 millóns de toneladas de soia, 23,4 millóns de toneladas de fariña, 5 millóns de toneladas de aceites vexetais, así como millo, trigo, cebada, colza, sorgo, arroz, cacahuetes, carne, mineral de ferro ou subministracións agrícolas, destaca o Comité Intergobernamental da Hidrovía, conformado pola Arxentina, Bolivia, Brasil, Paraguai e Uruguai.

O 80% das exportacións agrícolas arxentinas móvese polo río, do mesmo xeito que o 96% do comercio transcontinental de Paraguai.

Porén, a seca que padece a rexión nos dous últimos anos, e que se intensificou a partir de 2020, está levando a unha situación límite a vía fluvial, cunhas perdas estimadas de 2.686,25 millóns de euros, sinala a Cámara de Comercio de Rosario (Arxentina), e cun impacto sobre a economía arxentina de 4.400 millóns de euros, o 1% do seu PIB. Isto xerará, explican, menos fretes, servizos financeiros e de intermediación e consumo.

3 metros por baixo do nivel

O caudal sitúase arredor de tres metros por baixo do seu nivel anual, explica a Comisión Mixta arxentino–paraguaia que se encarga da xestión conxunta dos recursos do río na zona.

Á altura do Complexo Hidroeléctrico Yacyretá, entre a vila paraguaia de Ayolas e a arxentina de Corrientes, en 2021 o caudal medio anual foi de 8.500 m3/s, aproximadamente a metade do caudal habitual, a terceira cifra máis baixa desde 1901, e que apenas supera os datos de 1934 e 1944.

A Subxerencia de Sistemas de Información e Alerta Hidrolóxica arxentina apunta a que xa se supera o ano con niveis inferiores ao límite de augas baixas. A pesar de que con cada vaga de chuvias o caudal repunta minimamente, non é quen de normalizar a situación da vía fluvial, precisamente cando na rexión a principal época de chuvia remata en marzo.

Juan Borús, titular da Subxerencia, destacou que a situación actual “ten escasos antecedentes na historia rexistrada desde 1884”, ao tempo que se negaba a aventurar unha data para recuperar a situación previa á seca, por mor de que na “interpretación da tendencia climática, a medida que un mira máis adiante tamén amplía a marxe de erro”.

A baixada do caudal non impide o tránsito de todos os buques, non obstante, limita a capacidade de carga dos barcos e encarece os custos do transporte pola hidrovía, obrigando tamén a desprazar por terra un número de cargas cada vez maior cara a outros portos, o que implica uns maiores custos ambientais.

Ademais da navegación, a seca tamén afecta o abastecemento e potabilización de auga para consumo humano das poboacións da ribeira e maila pesca, recurso do que viven unha parte significativa dos seus habitantes. Amais, a seca dificulta a reprodución e alimentación da fauna, explica Borús.

Variabilidade climática na rexión

“Á variabilidade climática que temos na rexión é a manifestación máis evidente do cambio climático porque a dinámica atmosférica e de temperatura do océano está a darse dunha forma máis rápida que décadas atrás”, explica o subxerente, que advirte de que “o corremento da fronteira agrícola foi intenso e o cambio no uso do chan modificou a resposta hidrolóxica da canle do río perante a chuvia”.

Aínda que a variabilidade climática na rexión -fornecida por fenómenos como o Niño e a Niña- é a explicación que ofrecen a meirande parte dos expertos, a duración desta seca é excepcional, sostén o investigador do Centro de Ecoloxía Aplicada do Litoral da Universidad Nacional del Nordeste Juan José Neiff, que salienta o problema de que as chuvias estacionais non sexan quen de compensar as sucesivas baixadas de caudal.

Pola súa parte, o xeólogo Carlos Ramonell, catedrático da Universidad Nacional del Litoral, incide en que entre as causas que se expuxeron para xustificar o déficit de chuvias está o cambio climático, a construción de encoros no río ou a deforestación no Amazonas, debido a que as árbores desta bacía son as que emiten o vapor de auga que acaba por caer no Paraná en forma de chuvia.

Estado de emerxencia na Arxentina

A seca que xerou a baixada de caudal do río Paraná tamén provocou importantes perdas agropecuarias nas rexións polas que se estende. De feito, até o vindeiro 31 de xullo provincias arxentinas como Entre Ríos foron declaradas en estado de emerxencia e desastre agropecuario.
 

Comentarios