Vidas sen auga, que salva vidas

Na 'vella normalidade', a desertización e a seca avanzaban lenta mais inexorabelmente en todo o mundo. A consecuencia máis palpábel é a carencia de auga para o consumo humano: en cinco anos uns 1.800 millóns de persoas vivirán unha escaseza absoluta. Na 'nova normalidade', ademais, a auga é das principais armas contra a COVID-19.
avijit_ghosh_-_future_without_green_india
photo_camera Un cuarto das terras do mundo son improdutivas tras seren transformadas desde o seu estado natural (un.org)

Cada 17 de xuño desde 1995 no calendario das Nacións Unidas obsérvase o Día Mundial para a Loita contra a Desertización e a Seca, un fenómeno de graves consecuencias ambientais que avanza lenta mais inexorabelmente, como lenta e inexorabelmente avanza a súa principal causa: a incesante produción e consumo da humanidade.

A conmemoración deste ano, que incluirá unha mesa de debate en vivo entre expertos (hoxe, entre as 15.30 e as 17 horas galegas, na web da Convención da ONU contra a Desertización, unccd.int), céntrase na educación para a redución do impacto ambiental e en asegurar "comida, penso e fibra" ("Food. Feed. Fibre", é o seu lema). 

"Para ter suficiente terra produtiva que poida abastecer 10.000 millóns de persoas en 2050, cómpre que muden os modos de vida", sosteñen desde a Convención. No ano 2000, a poboación mundial era de pouco máis de 6.000 millóns de persoas, en 2020 roza os 8.000 millóns.

"Ao tempo que as poboacións medran, son máis podentes e máis urbanas, hai unha moita maior demanda de terras que provexan comida, penso para os animais e fibras para roupas. Mentres, a saúde e a produtividade das terras cultivábeis existentes deteriórase, agravada polo cambio climático", defenden.

Pragas e pandemias

Comida, penso e fibra teñen que competir coa expansión das cidades e coa industria petroleira, provocando que as terras se degraden a niveis insustentábeis. O resultado: produción, ecosistemas e biodiversidade perigosamente estragados. 

Na actualidade, case un cuarto das terras do mundo xa son improdutivas, despois de seren transformadas desde o seu estado natural. Esta transformación acelerouse exponencialmente nos últimos 50 anos, segundo datos da UNCCD, e con todo serán necesarias 300 millóns de hectáreas para alimentar a poboación mundial nunha década. 

Unha terra saudábel e resiliente é a primeira liña de defensa ante desastres como as inundacións e as riadas, fenómenos cada vez máis frecuentes, longos e severos, tal e como se está a comprobar no leste de África. Un círculo vicioso que leva á aparición de pragas como a da lagosta do deserto, que á súa vez acaba coas colleitas da rexión.

O deterioro da terra, o cambio climático e a perda de biodiversidade están directamente relacionados. Zoonoses como a COVID-19 son produto directo da explotación intensiva e da destrución do ambiente, segundo remarcan os expertos.

Sen acceso á auga

O lema da xornada de hoxe,  "Comida, penso e fibra", foi elixido por concurso. A idea  gañadora é de Irfan Miswari, un activista de Indonesia que o propuxo a raíz do impacto que a industria da moda ten na terra e na auga da provincia de Java Occidental. Nesta zona, que sofre severas carencias de recursos hídricos durante a estación seca, operan máis dun cento de empresas téxtiles e de roupa: para a fabricación dunha camiseta usan arredor de 2.500 litros de auga, a maioría empregada para regar as plantacións de algodón.

A carencia de auga para o consumo humano é a consecuencia máis palpábel do avance da desertización e da seca. Calcúlase que de cara a 2025, perto de 1.800 millóns de persoas vivirán unha escaseza absoluta dela.

Ademais, dous terzos da poboación mundial non disporán de suficientes recursos hídricos, provocando un aumento das migracións. Prevese que para 2045 arredor de 135 millóns de persoas en todo o mundo poderían ser desprazadas pola desertización.

O programa conxunto da Organización Mundial da Saúde (OMS) e de Unicef sobre o control da subministración de auga, o saneamento e a hixiene, no seu informe de 2019, sinala que 785 millóns de persoas non teñen auga limpa perto da casa. E de acordo ao Informe Mundial das Nacións Unidas sobre o Desenvolvemento dos Recursos Hídricos de 2019, máis de 3.000 millóns de persoas no planeta non teñen acceso a auga corrente.

Ademais, 2.000 millóns de habitantes (máis dun cuarto da poboación mundial) non teñen un váter decente propio, e 31% das escolas do mundo non contan con acceso a auga. 

As enfermidades diarreicas provocadas polo consumo de augas sucias ou polo uso de retretes sen condicións de salubridade son unha das principais causas de mortalidade entre crianzas. Segundo varios informes da OMS, tamén as infeccións derivadas destas carencias sono entre os neonatos. 

Arredor de 40% da poboación mundial loita desarmada contra a pandemia da COVID-19

As principais armas con que a poboación conta a día de hoxe para evitar o contaxio da COVID-19 son o distanciamento físico e o lavado de mans con xabón. As dificultades no acceso á auga, deixan medio inerme unha ampla porcentaxe da poboación mundial. Neste sentido, son varios os programas internacionais, públicos e privados, que tentan dar solución a este novo problema, que se vén a sumar aos xa existentes de seguridade alimentaria, enerxética, de desenvolvemento económico de sustentabilidade ambiental.

Alertábao xa o 25 de marzo, nos inicios da pandemia, o subsecretario xeral para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas, Mark Lowcock: "Como saben, lavar as mans con xabón é fundamental na loita contra a COVID-19. Con todo, 40% da poboación mundial, ou sexa 3.000 millóns de persoas, non teñen na casa unha instalación". África, o sueste de Asia e América Latina son as rexións onde este problema é máis grave.

Comentarios