Euskal Herria

Eleccións vascas: PNV e Bildu empatarían a 29 escanos nun Parlamento no que non entrarían Podemos e Vox

Cos resultados desta enquisa, calquera combinación entre as tres primeiras forzas políticas, PNV, EH Bildu e PSE-EE, tería opcións aritméticas para conformar un goberno de maioría absoluta.
Estimación de escanos de Sociométrica sobre unha imaxe do Parlamento vasco. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera Estimación de escanos do Sociómetro sobre unha imaxe do Parlamento vasco. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

O Gabinete de Prospección Sociolóxica do Goberno de Euskadi difundiu esta cuarta feira o seu estudo preelectoral de cara aos comicios do 21 de abril. Tras enquisar máis de 3.000 persoas, resolve que EH Bildu e o Partido Nacionalista Vasco (PNV), que lidera na actualidade o Executivo territorial, ficarán empatados a 29 escanos, copando a maioría dos 75 escanos en xogo.

Por detrás repetirá o PSOE, que con 10 escanos sumaría asentos dabondo para reeditar a coalición de Goberno co PNV. Pola súa parte, o Partido Popular (PP) faríase coa cuarta praza após a desaparición no hemiciclo da coalición integrada por Podemos na anterior lexislatura, ao tempo que Sumar irrompe con un posto logo de absorber o resto de forzas da alianza. Vox, pola súa parte, perdería a deputada que tivo os últimos catro anos.

Así e todo, a pugna nas tres demarcacións provinciais céntrase en EH Bildu e PNV, coa primeira liderando a estimación de voto en Araba (31,6%-29,7%) e Gipuzkoa (40,5%-32,7%) e a segunda en Bizkaia (39,2%-30,1%).

 

O candidato abertzale, Pello Otxandiano, é o mellor valorado, con 5,3 sobre 10, lixeiramente por diante do jeltzale, Imanol Pradales, con 4,9. Porén, o aspirante do PNV, que decidiu non presentar por cuarta vez o actual lehendakari, Iñigo Urkullu, é o máis coñecido, alcanzando 44% da poboación, mentres que Otxandiano (36%) está por detrás de Miren Gorrotxategi (43%), de Podemos, e de Eneko Andueza (41%), do PSOE.

O traballo demoscópico indica que a situación económica vasca ten a maior valoración popular desde o comezo desta serie de rexistros en 2002, con 79% das vascas e vascos cualificándoa como boa ou moi boa. No caso do Estado español, as respostas favorábeis baixan até 39%. Amais, case 70% asegura que non ten dificultades para chegar a fin de mes, 25% indica que ten algúns problemas e un 5% que ten moitos. No que atinxe á independencia, até 37% estaría en contra e 22% a favor, á vez que o 33% contestou que depende das circunstancias.

Os resultados da enquisa confirman a tendencia que amosou a sondaxe efectuada por 40dB e publicada en medios estatais esta semana, que tamén auguraba un empate, mais a 28 escanos, entre as forzas soberanistas vascas. Tamén abría a porta á perda da maioría absoluta conxunta entre PNV e PSOE, nunhas eleccións que poderían converterse nas primeiras vascas nas que o PNV non se alce co maior número de votos desde a fin da ditadura franquista no Estado español ante a melloría do desempeño electoral de EH Bildu.

Comentarios