Editorial do New York Times lembra a España e Alemaña: “Puigdemont nunca empregou a forza”

O xornal estadounidense recrimina ao Estado español que estea a tratar o tema como un “caso delitivo” cando é un problema “político”

xornalismo diario new york times

The New Tork Times, xornal de referencia estadounidense, vén de sumarse co seu editorial desta cuarta feira aos grandes medios internacionais críticos coa estratexia de represión do Estado español en Catalunya. Primeiro foi o británico The Times e despois o alemán Der Spiegel. Agora,  o diario neiorquino editorializa sobre a detención de Carles Puigdemont e as súas consecuencias: “A desputa de Catalunya atrapa Alemaña”.

“Por moito que o goberno español intente presentar o caso contra Carles Puigdemont como un simple caso criminal, a súa detención en Alemaña impulsa a loita contra a independencia de Cataluña cara á un ámbito moito máis amplo e claramente político”, escrebe o editorialista.

A respecto da euroorde emitida polo xuíz Pablo Llarena, o diario explica que as acusacións que fai a xustiza española ten que ter un equivalente no código penal alemán: “A malversación teno, mais o de rebelión é vagamente similar á alta traición. E é difícil de aplicar contra un dirixente elixido democraticamente e que nunca empregou a forza”.

The New York Times lembra que o delicto de rebelión pode implicar até 30 anos de prisión. Por iso, sostén que as acusacións contra Puigdemont e outros líderes independentistas “é dificilmente a maneira de gañarse os corazóns e cabezas dos cataláns ou o apoio doutros europeos”.

O xornal recoñece o dereito do estado español a defender a súa unidade e a constitución, así como o da UE a non dar cobertura ninguna ao independentismo. Mais sinala que ”Madrid, tratando o independentismo como una traición, dá una autoridade moral ao independentismo que este non merece. Debe haber un xesto conciliador cara Catalunya porque axudará a desactivar una confrontación”.

Comentarios