Tres días para protexer a Juan Carlos de Borbón de demandas civís e penais

O Partido Popular tramita o aforamento do monarca por vía rápida para impedir que poida ser demandado, agás perante o Tribunal Supremo. Todo indica que a medida contará só co apoio do grupo popular. 

Mariano Rajoy e Juan Carlos de Borbón [Imaxe La Moncloa]
photo_camera Mariano Rajoy e Juan Carlos de Borbón [Imaxe La Moncloa]

Tres días. Só tres días lle farán falta ao Partido Popular para sacar adiante o aforamento de Juan Carlos de Borbón. As présas do grupo que apoia o Goberno por protexer o ex-monarca após perder a súa inviolabilidade lévano mesmo a rozar o incumprimento dos tempos e formas fixados polo Regulamento do Parlamento para garantir que esta mesma quinta feira (26 de xuño) o Borbón sexa un aforado máis. 

Algunhas fontes apuntan a que as présas resultan do temor a que finalmente se materialicen as demandas de parternidade que dese hai anos axexan a Juan Carlos. No concreto unha, a de Albert Solá que reclama por vía xudicial --até o momento sen froitos-- unha proba de paternidade que demostre a súa descendencia do Borbón. Solá naceu en 1956 en Barcelona, o que convertería de, se comprobar que as súas demandas son certas, no fillo varón máis vello de Juan Carlos e, polo tanto, no primeiro da liña sucesoria. 

Na súa carreira, o Partido Popular só contará cos votos favorábeis de Unión del Pueblo Navarro --a marca branca do PP en Nafarroa-- e Foro Asturias --a escisión que liderou Álvarez Cascos. Os demais grupos parlamentares con representación rexeitan o fondo e/ou a forma da reforma lexislativa acordada polo Partido Popular de maneira que se absterán ou votarán en contra. Mesmo o PSOE, en cuxas ringleiras continúa a tensión en pleno proceso para elixir a nova secretaría xeral do partido. 

Unha emenda para asegurar a vía rápida
E é que @s populares optaron por emendar un texto lexislativo en proceso de tramitación para regular o aforamento de Juan Carlos. Un texto que, así as cousas, non ten nada a ver coa abdicación e sucesión monárquicas. Será o proxecto de lei de reforma do Poder Xudicial o que finalmente inclúa a protección xudicial do que foi xefe de estado durante 39 anos. Unha nova norma que atinxe as condicións laborais de xuíces e maxistrados --regula xubilacións, oposicións á función pública e permisos por asuntos propios na xustiza. 

Agora, após a emenda que presentará o Partido Popular, rexerá tamén a condición de aforado do Borbón. 

Desta maneira o Partido Popular garante que en tan só 3 días o texto normativo sexa debatido e aprobado --grazas á súa maioría parlamentar-- polo Congreso d@s deputad@s e canea os tempos marcados para un proxecto de lei ou un decreto lexislativo, que se demorarían no mínimo un ano. 

Un procedemento que podería ser contrario á lei
Esta terza feira, o PP convocará --en solitario-- un pleno extraordinario que decorrerá o 26 de xuño. Aí debaterase o proxecto de lei de reforma xa coa emenda sobre o aforamento real. Desde a Izquierda Plural, o deputado Gaspar Llamazares, presentou xa un recurso perante o que considera unha medida "ilegal". Tanto no fondo coma na forma. Pois segundo o parlamentar de IU a tramitación lexislativa que o PP outorgará ao aforamento incumpre o fixado polo Regulamento da Cámara que exixe un mínimo de 48 horas entre a ponencia e a Comisión na que se tratou a emenda. 

Aliás, segundo Llamazares existe unha incongruencia entre o texto orixinario do proxecto de lei de reforma do Poder Xudicial e o novo artigo incorporado para a ocasión. Cuestión que resultaría contraria a dereito, como sinalou o Tribunal Constitucional na sentenza 23/1990 na que sinala como necesario que as emendas "versen sobre a materia á que se refire o proxecto de lei que tentan modificar". En troca, o PP retruca que a emenda "poderá non gostar, mais é legal". 

Comentarios