A desigualdade impulsa o Pacto Histórico na segunda volta das presidenciais

Coas enquisas recollendo o ascenso de Gustavo Petro, que se sitúa nun empate técnico co aspirante conservador Rodolfo Hernández, a esquerda colombiana afronta a votación do domingo coa esperanza de fixar  os alicerces para transformar un país marcado pola desigualdade  e pola precariedade.
A fórmula presidencial do Pacto Histórico: Gustavo Petro e Francia Márquez. (Foto: Chepa Beltrán / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera A fórmula presidencial do Pacto Histórico: Gustavo Petro e Francia Márquez. (Foto: Chepa Beltrán / Zuma Press / Contactophoto).

As eleccións deste domingo teñen unha característica nunca dada na historia colombiana: a posibilidade de decidir un Goberno de esquerda. O centro da axenda política deixou de ser o tema da violencia, do conflito armado. Grazas ao Proceso de Paz froito do acordo entre as FARC e o Goberno en 2016, o económico pasou a ser o máis importante tema de discusión política, situación que leva a albiscar a posibilidade dun Goberno alternativo progresista con políticas dirixidas a mellorar a situación socioeconómica da inmensa maioría da poboación.

O económico converteuse tamén nun eixo de confrontación porque as elites non ven o posíbel Goberno do candidato Gustavo Petro -a presidente- e Francia Márquez -a vicepresidenta-, polo Pacto Histórico, como un problema político senón como a aparición dun poderoso inimigo capaz de iniciar un camiño de profunda transformación do modelo económico. 

Colombia ten fama no continente pola súa estabilidade económica, fortaleza baseada nunha política moi conservadora no social e no manexo das cifras macroeconómicas, envexa declarada de moitos Gobernos latinoamericanos. Desde os anos 30 do século pasado só houbo un ano, 1999, no que a economía tivo un medre negativo, o 4,3%. Fóra diso, Colombia viviu un crecemento estábel e continuo. Xunto con Sri Lanka son os dous únicos países cun conflito armado interno nas últimas décadas nos que -algo insólito- non caeu a economía durante o mesmo. 

Segundo datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), Colombia ten un coeficiente Gini 0,54 -índice de referencia mundial máis usado para medir a desigualdade indo de cero (igualdade total) a 1 (desigualdade absoluta)- sendo o segundo país máis desigual de América Latina, superado unicamente polo Brasil.

Non é conxuntural senón permanente durante décadas, algo corroborado tamén polas estatísticas nacionais ao constatar que 39% da poboación vive na pobreza e outro 31% é sumamente vulnerábel, estando moi lixeiramente por riba da liña de pobreza e a piques de caer nela: 70% da poboación ten, no mellor dos casos, unha vida de subsistencia. En 2019, antes da pandemia, o coeficiente Gini era de 0,53. En 2020, subiu a 0,54, arrastrou arredor de 3,6 millóns de persoas máis á pobreza, levou 5,5% da poboación á pobreza extrema e deixou 2,8 millóns de persoas sen poder cubrir as necesidades alimenticias básicas.

Desigualdade multinivel

A desigualdade maniféstase en todos os ámbitos da vida colombiana: na distribución da renda, na distribución do solo urbano e rural, na desigualdade de xénero, na discriminación racial e étnica, entre a cidade e o campo, entre centro e periferia. Amais de ser o país máis desigual da rexión máis desigual do planeta, como é América Latina, a tendencia é a empeorar. En Colombia, máis preocupante que a pobreza é o incremento continuado do empobrecemento e da desigualdade.

O salario mínimo para este ano está fixado en 1.000.000 de pesos colombianos, equivalentes a 240 euros, complementado nalgúns casos cun subsidio de transporte de 117.000 pesos. Segundo as cifras do Ministerio de Traballo, 18,1 % dos ocupados teñen ingresos laborais entre 0,9 e 1,1 salarios mínimos; no 45,4 % son inferiores ao 90 % do mínimo e só un grupo inferior ao 30% están por riba. De referírmonos unicamente ás persoas ocupadas empregadas, 58,1% ganan un salario mínimo ou menos, o que se agravou nos últimos anos ao aumentar a porcentaxe de quen ten salarios inferiores ao mínimo.

A “canasta básica”, concepto utilizado amplamente en Latinoamérica para cuantificar os ingresos mínimos que necesita mensualmente unha familia, inclúe alimentos ou produtos de primeira necesidade, produtos e servizos relacionados coa saúde, a educación, a vestimenta, o transporte e o lecer, entre outros. Fixada este ano en 3.900.000 pesos para un grupo familiar de catro persoas, tendo en conta a clasificación do emprego segundo o nivel de ingresos descrita no parágrafo anterior, son moi poucas as familias que chegan a cubrir todas as necesidades básicas.

Precariedade laboral

Un dos problemas estruturais dos ocupados en Colombia é a precariedade laboral na que traballan, situándose á cabeza do mundo. Segundo datos da axencia pública de estatística, a taxa de emprego informal está no 61,3%. Se pensamos que o 60% da poboación que vive en pobreza multidimensional ou está en risco extremo de caer nela, a fotografía social colombiana reflicte un cadro de explotación exacerbada. 

Sendo a precariedade unha característica do mercado laboral, compre destacar circunstancias que afondan nas desigualdades. É o caso, por exemplo, do altísimo nivel de informalidade da poboación indíxena, onde acada a cota do 81%.

Hai moitos indicadores non incluídos nesta fotografía social do país. Con todo, acho seren suficientes para concluír que o “paraíso” económico colombiano ten uns claros destinatarios: o conglomerado de latifundistas, empresarios e militares que compoñen a reducida elite gobernante acaparadora de beneficios e privilexios. Colombia, campión da desigualdade social, da precariedade laboral e da desprotección social é o exemplo perfecto do capitalismo coherente: opulencia da minoría económica, miseria da maioría social.

Agresividade en contra da esquerda

Cos datos aquí sinalados non é de estrañar, por tanto, o altísimo nivel de agresividade do sector dominante cara a un Pacto Histórico que propón outro modelo. Produce pánico a posibilidade de instaurar un sistema fiscal progresivo que poña fin a unha taxa impositiva tan absurdamente baixa nun país cunha desigualdade tan grande.

Non menores son os calafríos da clase empresarial perante a intención petrista de eliminar moitas das desorbitadas exencións fiscais. Pánico, en definitiva, a unhas impostergábeis reformas estruturais  que acaben coa concentración dos ingresos e da terra. Precisamente de aí nace o odio, do temor dun sector minoritario que pode perder moito en beneficio da maioría da poboación. 

Moncho G. Boán. Observador internacional nas eleccións de Colombia.

Comentarios