Novo asasinato de líder labrega en Colombia

A Defensoría do Pobo afirmou na segunda feira que polo menos 145 líderes sociais e defensores de dereitos humanos foran asasinados por grupos armados en 2021 no país.
EuropaPress_3982877_protestas_asesinato_lideres_sociales_colombia
photo_camera Concentración en protesta polo asasinato de líderes sociais en Colombia, en outubro pasado (Foto: Daniel Romero / VWPics)

Dúas ONG de defensa dos dereitos das comunidades labregas de Colombia denunciaron o asasinato da líder social Luz Marina Arteaga despois de as autoridades colombianas informaren da aparición do corpo sen vida da muller no río Meta, ao seu paso polo municipio de Orocué, no departamento de Casanare. 

A Corporación Claretiana Norman Pérez Bello e a Corporación Jurídica Yira Castro emitiron un comunicado conxunto lembrando que que pediran protección á Unidade Nacional de Protección (UNP) para Arteaga "dada a súa situación de seguridade e condición económica", en tanto que recibira ameazas de morte por liderar procesos de dereitos humanos e de terras en Puerto Gaitán, no departamento de Meta.

"Estas ameazas foron postas en coñecemento das diferentes entidades encabezadas polo presidente [colombiano] Iván Duque, así como da Unidade Nacional de Protección, que desatenderon a gravidade da situación asignando unhas medidas brandas", criticaron.

Arteaga, que permanecía desaparecida desde o pasado 12 de xaneiro, chegou a esta parte do país despois de ser desprazada de Antioquia, onde tamén recibira ameazas de morte polas súas actividades en favor dos dereitos humanos.

145 asasinatos en 2021

A Defensoría do Pobo afirmou na segunda feira que polo menos 145 líderes sociais e defensores de dereitos humanos foran asasinados por grupos armados en 2021 en Colombia. En total foron 120 homes e 25 mulleres, sendo os máis afectados os líderes comunais (35), líderes indíxenas (32), líderes comunitarios (18), líderes campesiños ou agrarios (16) e líderes sindicais e servidores públicos (6).

Comentarios