Análise

Colombia ante un posíbel cambio de rumbo nas urnas con Petro

Colombia soporta décadas de violencia. Ninguén que cuestione o poder e os privilexios das elites está libre de ser albo dunha bala asasina. Este domingo decorrerán as eleccións para elixir a Presidencia e Vicepresidencia que dirixirán o Estado até 2026. En caso de algunha das candidaturas en liza non obter a metade máis un do total dos votos válidos, o próximo 19 de xuño haberá segunda volta entre as candidaturas máis apoiadas.
Gustavo Petro, onte, durante o feche da súa  campaña electoral en Bogotá (Colombia). (Chepa Beltrán / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Gustavo Petro, esta segunda feira, durante o feche da súa campaña electoral en Bogotá (Colombia). (Foto: Chepa Beltrán / Zuma Press / Contacto Photo)

"Unha mesma historia cóntase de xeito diferente por cada persoa, mais todos eles deberían ser espontáneos e convincentes. Aínda máis, se non poñen paixón no que contan, que non o conten". 
Radu Lupu, maxistral 'narrador' pianístico de Beethoven.

Violencia e narcotráfico son aínda hoxe para moita xente o retrato tópico de Colombia. Non se pode explicar o país actual sen telo en conta, certo, mais é moi reducionista limitarnos só a iso, obviando que -para moitos historiadores- o problema central da historia colombiana desde os tempos da colonización é a distribución, o uso e, moi especialmente, a posesión da terra, causa última dos conflitos internos. Aproveitando unha próxima estancia en Colombia, tentarei ir debullando en sucesivas colaboracións algúns aspectos sobresaíntes do país caribeño.

Colombia soportou, a partir da década dos oitenta do século pasado, a máis grave crise de carácter humanitario de todo o hemisferio occidental. As estatísticas mostrárona nas últimas décadas como o país co máis alto índice de homicidios do mundo por cada 100 mil habitantes (78,2 seguida de lonxe por Xamaica co 27,7 e Rusia co 20,2); o segundo en poboación desprazada (uns 6,2 millóns de persoas), consecuencia da escalada dos conflitos internos durante os últimos sesenta anos; posuíu o maior número de secuestrados ao ano (preto de 3.700); e terceiro do mundo en minas antipersoas sementadas, causantes permanentes de múltiples mortes e mutilacións, a maioría delas en campesiños e menores de idade.

Violencia política e racismo

É preciso sinalar o carácter multiforme da violencia que padeceu, e aínda padece, a sociedade colombiana con respecto a actores, comportamentos e contextos. A maiores da violencia política, están moi presentes o racismo exacerbado contra as poboacións negras e indíxenas; a violencia xenocida contra as culturas orixinarias; a violencia, acrecentada nos últimos cinco anos, contra as organizacións e dirixentes sociais; a violencia directa contra a poboación civil exercida polo exército, a policía e os diferentes grupos armados na disputa polo control do territorio; a violencia patriarcal profundamente arraigada...

De cinguírmonos á estritamente política, cómpre salientar que é un fenómeno constante no país desde a súa independencia en 1810. Nun listado cronolóxico, a historia da violencia colombiana adóitase secuenciar nos seguintes capítulos:

  • 1812–1815: Guerra entre Centralistas e Federalistas
  • 1839-1841: Guerra dos Supremos
  • 1851: Guerra Civil
  • 1854: Guerra Civil
  • 1860–1862: Guerra Civil
  • 1876– 1877: Guerra Civil
  • 1884–1885: Guerra Civil
  • 1895: Guerra Civil
  • 1899–1902: Guerra Civil dos 1000 Días
  • 1908-1912: Levantamento Indíxena
  • 1930–1936: Guerra Civil
  • 1940-1953: 'A violencia en Colombia'
  • 1957-2017: 'Guerras permanentes'
  • 2018–2022: etapa actual con guerrilla, exército, clans narcos e paramilitares en permanente disputa.

Viaxei por primeira vez a Colombia en outubro de 1998 respondendo a un convite feito á CIG polas centrais sindicais colombianas en apoio á folga de todo o sector traballador dependente do Estado entre os días 7 e 26 de outubro. Reivindicaban un aumento salarial non inferior ao custo da vida, máis recursos para a sanidade e o ensino público, maiores garantías sindicais e regulamentación do sindicalismo na industria. Segundo as cifras oficiais, durante os días que durou a folga nacional foron asasinados nove dirixentes sindicais participantes do paro, entre eles o vicepresidente do sindicato CUT, Jorge Luis Ortega, integrante do comité negociador. Era a tardiña do meu terceiro día en Bogotá.

Pasados 19 anos, o xoves 28 de setembro de 2017, dirixíame a un balneario de augas termais non lonxe de Popayán, xa preto do Ecuador. A radio alternaba o castelán cunha lingua indíxena dando avisos do máis variado: nacementos, horario do médico, reunión da veciñanza, corte da estrada, algo de música... De volta a Popayán, fixeime nunha casiña na beira da estrada servindo de apoio a unha antena non moi grande; aquilo era Renacer Kokonuko, a emisora que ía sintonizando. Sentín curiosidade por saber algo daquela illa radiofónica nun mar sonoro castelán falante. Aínda aparcando, unha muller nova saíu a recibirme. Convidoume a pasar. Naquela hora compartida faloume do Pobo Kokonuko, de como a lingua que eu escoitara non era propiamente a deles; de como as súas terras lles foron roubadas, de como foron sometidos como escravos e obrigados a talar os bosques e arar as montañas polos terratenentes invasores, de como estaban recuperando unha parte do territorio, de como a emisora servía para reforzar o sentimento de pertenza á comunidade, para coordinar as mobilizacións, para dar voz ás esixencias culturais, sociais, sanitarias, de vías de comunicación...

Faloume das próximas mobilizacións para recuperar os terreos nos que estaba o balneario. Dez días despois, o domingo 8 de outubro, as balas da policía tiráronlle a vida a María Efigenia mentres participaba na mobilización para recuperar as terras do seu Pobo Kokonuko. Confeso que teño con Colombia, tamén co Paraguai, unha forte e moi especial ligazón emocional. Reitero a palabra emocional porque a emocional é, para min, unha vía de coñecemento tan válida e necesaria como a sensorial e a intelectual. O impacto emocional experimentado por esas e outras vivencias en terra colombiana púxolle nome e rostro recoñecíbel e imborrábel ás frías e impersoais estatísticas da violencia.

Asasinatos e persecución

O país semella estar escabrosamente especializado no asasinato de dirixentes sociais. Indíxenas, campesiños, sindicalistas, afrodescendentes, políticos, ambientalistas, xuíces, xornalistas... Ninguén que cuestione o poder e os privilexios da elite política-económica-militar, está libre de ser albo dunha bala asasina. Nun panorama tan desolador, a sociedade colombiana non vive na tristeza nin está derrotada. É unha sociedade activa, que se revolve contra un Estado represor e corrupto; combativa, que loita e mantén vivas as organizacións sociais; militante, que non se resigna, que se ergue unha e outra vez após os golpes terríbeis que recibe ciclicamente cando o Poder se sinte ameazado. Unha sociedade, un pobo, que o próximo día 29 pode elixir un presidente -Gustavo Petro- e unha vicepresidenta -Francia Márquez- que reivindican a ledicia e a felicidade colectiva, a Paz con Xustiza Social para Colombia.

*Moncho G. Boán é observador internacional nas eleccións de Colombia

Comentarios