Eleccións en Colombia

Gustavo Petro supera 40% dos votos e disputará a segunda volta das presidenciais contra Rodolfo Hernández

Co 99,9% escrutado, 8.523.956 colombianos e colombianas depositaron o seu voto a favor de que Petro, xunto con Francia Márquez, a futuríbel vicepresidenta, ocupe a Presidencia de Colombia.
O presidente de Colombia, Gustavo Petro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O candidato de Pacto Histórico, Gustavo Petro

A primeira volta das eleccións presidenciais en Colombia deixou como principal gañador a Gustavo Petro, candidato da coalición de esquerdas Pacto Histórico, que recibiu 40,32% do total dos votos.

Co 99,9% escrutado, 8.523.956 colombianos e colombianas depositaron o seu voto a favor de que Petro, xunto con Francia Márquez, a futuríbel vicepresidenta, ocupe a Presidencia de Colombia.

O candidato, antigo guerrilleiro do Movemento do 19 de abril (M-19), sobrepúxose á campaña de descrédito e propaganda organizada pola dereita mediática para obter os mellores resultados da historia da esquerda colombiana.

Porén, ao non poder acadar 50% dos votos, é dicir, unha maioría absoluta, na primeira volta, deberá acudir á segunda volta das presidenciais, que decorrerá o vindeiro 19 de xuño.

Rodolfo Hernández

Nesa segunda volta enfrontarase ao empresario político Rodolfo Hernández, quen se impuxo ao candidato oficial de dereitas, Fico Gutiérrez.

Hernández, recoñecido populista e afín á ultradereita colombiana, recibiu 28,15% dos votos, que lle fixeron superar a dereita tradicional e presentarse como principal ameaza para a vitoria de Petro e Márquez.

En canto a Fico Gutiérrez, obtivo 23,91% dos votos. O candidato, antes de que rematara o escrutinio, pero cando xa era visíbel que non pasaría á segunda volta, fixo un chamamento aos seus votantes para que apoiasen a Rodolfo Hernández.

A falta de tres semanas para que decorra a segunda volta, a esquerda colombiana pretende reeditar os resultados das eleccións lexislativas de marzo deste ano, cando Pacto Histórico resultou a formación máis votada.

Comentarios