Análise

A esquerda colombiana medra nas sondaxes, aínda que a Liga segue á cabeza

Colombia achégase de novo ás urnas, nunha segunda volta electoral para elixir a Presidencia. A media de todas as enquisas publicadas até o momento sinalan que o Pacto Histórico medra lenta pero constantemente alcanzando 47,3% de intención de voto, fronte a 49,8% da Liga, nun paulatino pero constante descenso.
Votación en Bogotá na primeira volta do 29 de maio. (Foto: Camilo Erasso / LongVisual)
photo_camera Votación en Bogotá na primeira volta do 29 de maio. (Foto: Camilo Erasso / LongVisual)

Os resultados electorais da primeira volta das eleccións presidenciais colombianas deixan un panorama político aberto a respecto da segunda volta. A poboación terá que optar o domingo 19 de xuño entre as dúas coalicións electorais máis votadas: o Pacto Histórico (PH), aglutinador da variada e multiforme esquerda colombiana con Gustavo Petro e Francia Márquez como candidatos á Presidencia e Vicepresidencia, respectivamente; e a Liga de Gobernantes Anticorrupción, coa dupla Rodolfo Hernández e Marelen Castillo.

Obter o mellor resultado na primeira volta non dá tranquilidade ao Pacto Histórico a respecto do resultado final, pois a suma dos votos das candidaturas progresistas (9.416.353 - 44,53%), é inferior á obtida polas conservadoras (11.336.008 - 53,61%). Desde a mesma noite do 29 de maio en que se produciu a primeira volta, asistimos a unha continua declaración de apoio a unha ou outra candidatura por parte de voceiros e persoas de referencia das candidaturas que quedaron eliminadas do proceso electoral. Os apoios públicos non son anecdóticos en Colombia, unha sociedade cunha tradición centenaria de caciquismo político presente aínda en extensas zonas do país.

Podería pensarse que a Coalición Centro Esperanza (CCE), candidatura de centro esquerda que obtivo perto de 900.000 votos, pediría apoiar o Pacto Histórico. Mais non, a CCE deu liberdade aos seus votantes para elixir a papeleta que desexen, decisión sen dúbida moi condicionada pola manifesta e pública animadversión persoal entre o líder da citada coalición e Gustavo Petro. Finalmente, a maioría das e dos dirixentes pediu o apoio ao Pacto, habendo tamén quen se pronunciou a prol da Liga.

Ningunha das ofertas políticas que se van enfrontar na segunda volta poñen en cuestión o marco político-económico actuante en Colombia. Sendo certo que iso non está en debate, tamén é igualmente certo que as propostas das dúas candidaturas son absolutamente contrapostas; mentres o PH propón unha profunda transformación, a Liga non vai pór en risco ningunha das bases que sustentan as exorbitantes desigualdades económicas e socias que caracterizan a sociedade colombiana. Non sorprende entón o apoio explícito dado á Liga na mesma noite electoral pola totalidade das forzas da dereita.

A maiores, o universo mediático brindou un apoio sen fisuras, os poderes económicos respiraron aliviados, a bolsa subiu varios enteiros e o peso revalorizouse. Con todo, figuras importantes da dereita partidaria que impulsaron con firmeza o acordo de paz asinado coas FARC, veñen expresando o seu apoio ao Pacto Histórico.

Estes cruces de apoios e as tres semanas de campaña poden alterar substancialmente as previsións de partida baseadas nas cifras iniciais. Algo así empeza a manifestarse nas enquisas: facendo unha media de todas elas, o Pacto Histórico medra lenta pero constantemente alcanzando 47,3% de intención de voto, fronte a 49,8% da Liga, nun paulatino pero constante descenso. 

Morte do 'uribismo'

Hai unanimidade en certificar a morte política do 'uribismo'. Durante os seus 16 anos no Goberno impulsou un neoliberalismo extremo que propiciou boas cifras macroeconómicas a beneficio dunha elite reducida e máis desigualdades económicas e sociais nun país que xa era extremadamente desigual. O outro polo de actuación uribista foi a guerra sen cuartel contra as FARC, paraugas que propiciou, permitiu e xustificou todo tipo de guerra sucia, masacres e asasinatos por parte da alianza de facto entre paramilitarismo, Exército e Policía.

Sendo as opcións electorais en disputa partidarias de aplicar integramente o acordo de paz, é probábel un cambio na política de seguridade en todo o que ten a ver coa permisividade cos paramilitares, Exército e Policía. É de esperar, senón a desaparición inmediata, si unha diminución drástica nos asasinatos de líderes sociais. Non ocorrerá o mesmo coa política económica e social de quen gañe as eleccións, aspecto no que a diferencia entre os dous contendentes é abismal.

No esforzo de querer borrar a opinión xeneralizada de ser o candidato uribista, idea reforzada polas reiteradas expresións de apoio recibidas e, de paso, intentar gañar votos da esquerda, Hernández fixo público unha especie de programa de Goberno titulado Vinte diferenzas que teño co uribismo. Ler o texto, unha serie de enunciados xenéricos sen concreción algunha, provoca un sorriso ante o evidente plaxio de moitas das medidas que tanto Petro como Márquez levan meses defendendo, argumentando e desenvolvendo. 

Xuízo pendente por corrupción

En amplos sectores da poboación colombiana preocupa que poida ser presidente Hernández, o candidato pendente de xuízo por corrupción, captador de millóns de votos polo seu monotemático slogan anticorrupción; carente de propostas económicas e sociais agás "diminuír o tamaño do Estado"; que non participa en debates electorais pola súa "manifesta e probada incapacidade". De gañar as eleccións, estaríase en política económica e social ante un clásico do gatopardismo: mudar todo para que nada mude.

*Moncho G. Boán é observador internacional nas eleccións de Colombia.

Comentarios