Deputad@s do PP de Madrid xogan ao 'Apalabrado' namentres o partido privatiza hospitais

Unha imaxe difundida pola prensa española permite ver claramente o taboleiro de xogo durante o pleno extraordinario da Lei de medidas fiscais. Cómpre destacar que os cargos d@s dúas parlamentares están vinculados á Acción social. Amb@s pediron desculpas nas súas contas do Twitter empregando unha coñecida fórmula: "no volverá a ocurrir''


Dúas deputad@s do PP de Madrid, Isabel Redondo e Bartolomé González, dedicaron a sesión plenaria extraordinaria do Goberno autonómico para xogar ao Apalabrado namentres o seu partido, facendo uso da maioría absoluta, aprobaba a Lei de medidas fiscais, coa conseguinte privatización de seis hospitais públicos, 27 centros de saúde e o (re)pagamento dun euro por receita.

A foto do acontecido difundiuna o diario El País, e nela distínguese claramente o taboleiro de xogo ocupando toda a pantalla do móbil e do ordenador, respectivamente, de deputada e deputado. Amb@s pediron xa desculpas a través da súa conta persoal na rede social Twitter: "Non volverá acontecer", escribiron en cadanseu chío.

Cómpre destacar que González é o vicesecretario de Acción Social do PP, namentres Redondo presidiu a Comisión de familia. Son membr@s da dirección xeral do grupo parlamentario conservador e González, ex alcalde de Alcalá de Henares, é un dos tres vicepresidentes do PP madrileño.

Informa o mesmo xornal que difundiu a imaxe que un ou unha deputad@ ras@ da Asembleia de Madrid cobra 3.503,46 euros brutos ao mes como salario base en 14 pagas, o que dá un total de 49 mil euros ao ano. A esta cantidade hai que lle engadir 1.825,83 euros se @ parlamentar é voceir@ do seu partido. Quen asiste ás xuntas de portavoces recibe, a maiores, outros 1.457,54 euros, namentres a paga por ser voceira dunha comisión, cargo que ocupa Redondo, é de 846,97 euros. O 20% deste soldo non tributa IRPF, ao se considerar gastos de viaxe.

Comentarios