A Deputación da Coruña defende apostar polo turismo "que merece visitarnos"

Acompañado por unha representación da Xunta e dos concellos beneficiados polos programas da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, vicepresidente e responsábel de Turismo, debullou no stand de Turismo da Galiza en Fitur o plan para atraer un novo perfil turístico.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na presentación hoxe do seu modelo turístico sostíbel en Fitur. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na presentación hoxe do seu modelo turístico sostíbel en Fitur. (Foto: Deputación da Coruña)

Unha peza audiovisual pouco usual, con imaxes de acumulación de lixo nas praias compartindo espazo con estampas máis festivas do verán galego, gastronomía e lugares que se beneficiaron das actuacións da Deputación da Coruña como a costa Ártabra e o Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal, abriu hoxe o acto inaugural do organismo no primeiro día da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se prolongará até o domingo na Institución Feiral de Madrid, na capital española.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, fixo fincapé en que “xustamente esas dúas caras do debate turístico son as que quixemos reflectir” na presentación ‘Provincia da Coruña, territorio sostíbel’, na que expuxo os eixos do modelo turístico que impulsa a entidade provincial, contido na súa estratexia de sustentabilidade turística.

“A decisión máis importante que temos que tomar nos vindeiros anos é decidir que queremos ser como destino turístico no escaparate turístico mundial”, explicou, subliñando que amais de “corrixir e mellorar  o que xa temos” é hora de “decidir o que estamos dispostos a dar e o que non estamos dispostos a perder”.

“Sabemos que o noso, onde vivimos nós, na nosa terra, é un auténtico paraíso, e non queremos ser egoístas, queremos compartir ese paraíso co mundo, pero non queremos compartilo a calquera prezo”, recalcou Regueira antes de anunciar que a Deputación apostará pola “fórmula de elixir o perfil turístico que queremos recibir no noso país, o perfil turístico da xente que merece visitar as nosas paisaxes, o noso patrimonio, gozar da nosa cultura, da nosa tradición, da nosa lingua, da nosa xente e seguir abrindo camiños para experiencias únicas”.

Esta proposta baséase na “sostibilidade como leitmotiv de todas as accións turísticas”, como amosan os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que levou a Fitur, “cinco en territorio rural e cinco en patrimonio moi sensíbel tanto natural como culturalmente”, sostivo.

Todo isto para “captar o turista máis exixente do mercado”, posto que “somos conscientes de que a ese turista exixente tamén lle podemos exixir algo, o que para nós e para o noso futuro vai ser fundamental, querémoslle exixir que saiba gozarnos”, un perfil turístico que “nos vai dar oportunidades no territorio pero que vai deixar a nosa terra igual de ben que a atopou”.

Unha base forte

O tamén responsábel de Turismo do ente provincial relatou que é o intre de dar o paso após superar as cifras económicas de 2023 as de 2019, que até o pasado ano foi o mellor a nivel turístico na Galiza, e “ademais en 2024 imos seguir medrando”, cunhas previsións que desvelan que “o volume económico vai significar o dobre que no resto da economía do Estado”, unha situación da que responsabilizou a colaboración entre Administracións públicas pero sobre todo á público-privada, salientando que “grazas ao esforzo do sector na Galiza e na provincia da Coruña estamos a día de hoxe como estamos”.

Partindo de aquí, abundou nas reunións coas e cos profesionais do sector e indicou que o turismo tamén xera “cousas que ás veces non son tan bonitas”, narrando como nestas xuntanzas se abordaron “os deberes que nos toca facer” para deseñar “un turismo de garantías con futuro”, citando o “impacto do turismo na poboación residente”, a xestión da auga, o cambio climático, o “problema de converter a residencia habitual da poboación en residencias de uso turístico” canda os “problemas sociais que supón” ou a “perda de autenticidade dos destinos”.

Ao respecto deste último punto puxo como exemplo os Plans de Sustentabilidade da Deputación, que benefician as comarcas de Ortegal, Eume, Costa da Morte, Terras de Compostela ou Ordes, como unha tentativa de “facer dos nosos destinos turísticos destinos de calidade, pero sobre todo ancorar a autenticidade da xente e da nosa cultura neles”.

Un obxectivo de arredor de 60 km

A última quenda foi para o responsábel de Deportes, Antonio Leira, que mostrou a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que xa é a “maior vía verde da Galiza”, anunciando que están a piques de iniciar os traballos dun treito que a estendería a 36 km. Porén, insistiu en que "queremos chegar mais alá, achegarnos incluso á Coruña".

Comentarios