Fitur

Xosé Regueira: "Temos a potencialidade de situar 'un menú turístico' competitivo a nivel estatal e internacional"

A Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) acollerá os Plans de sustentabilidade turística en destino de Os Fogóns do Anllóns e das Fragas do Eume. Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, será quen encabece a presentación de ambas as iniciativas.
O vicepresidente e responsábel de Turismo, Xosé Regueira (Foto: Nós Diario).
photo_camera O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira. (Foto: Nós Diario)

—Cal é o retorno que se agarda da presentación dos proxectos na Feira Internacional de Turismo (Fitur)?
A idea é que sexamos capaces de ter unha oferta a todos os niveis: turismo cultural, deportivo, de ocio relacionado coa natureza, histórico... Queremos buscar territorios moito máis sostíbeis onde a experiencia sexa de calidade, porque o perfil ao que nos orientamos é de esixencia.

Así, con menos xente, pero máis comprometida e máis esixente poderemos ser quen de atopar oportunidades para a poboación residente. Na Deputación da Coruña entendemos o turismo desde o plano de dar oportunidades ás persoas que viven no rural e de xerar dinámicas positivas para a empregabilidade e aliadas coa saúde do planeta en xeral e do territorio en concreto.

Isto último é moi importante no momento en que estamos e precisamente cremos que se está a dar un novo paradigma. A clientela consciente busca realidades conscientes co territorio. Agardamos que o que se achegue nos territorios turísticos nos que estamos traballando poida cubrir as expectativas.

Creo que temos toda a potencialidade para situar un menú turístico que vai resultar moi competitivo no escenario estatal e internacional.

—Cales son as chaves para desenvolver este turismo de forma sustentábel tamén para a poboación de aquí?
Na Galiza, a necesidade de ofertar produtos complementarios ao Xacobeo é unha urxencia porque este case se está a transformar nun caldo de cultivo onde todo o mundo quere estar.

Baixo o meu punto de vista, temos un territorio que non está demasiado explotado, un rural moi potente e a oportunidade de xerar relacións entre diferentes ámbitos co sector turístico.

Por exemplo, a través da gastronomía podemos xerar dinámicas positivas para a empregabilidade e para intentar que a xente se asente no medio rural para xerar valor neses lugares a través do sector primario. Somos un territorio moi novo turisticamente falando e aínda nos queda moitísimo por medrar á hora de ofrecer servizos de calidade á clientela turística que se achega a nós: cultura, patrimonio, guías e visitas que formen unha experiencia turística en destino... 

A min dáme a sensación de que todo o relacionado co ocio alternativo e situado na natureza aínda non ten un sector económico suficientemente potente como para intentar darlle saída ás necesidades que ten o turismo aquí. 

Polo tanto, mantendo ese compromiso coa terra, podemos buscar na natureza unha aliada para que as persoas que traballen no futuro neste medio o atopen, como mínimo, no estado en que está actualmente. Se non xeramos oportunidades para a poboación local, algo estamos facendo mal e, igual que xa se fixo noutros lugares como Islandia, temos que ir pensando na cantidade de persoas que queremos que veñan e como queremos que o fagan.

—Como se relaciona a lingua con este turismo máis consciente e esixente?
Penso que ninguén decide non ir a Bulgaria por non saber falar búlgaro. Todas as persoas viaxamos movidas por diferentes atractivos e intereses e acabamos por ter unha experiencia positiva ao atoparnos con novas linguas intentando comunicarnos e coñecer outras culturas.

Penso que a lingua sempre é un atractivo e precisamente a unha persoa con ese perfil esixente, de busca de territorios auténticos, vaille interesar saber que se vai atopar cunha lingua propia. Son persoas que van ter interese por coñecer as conexións históricas co portugués e co español, que van querer achegarse a un territorio cunha cultura e unhas tradicións propias. 

O galego ten que ser unha oportunidade e polo en valor sempre vai ser un potencial e iso demóstrao o alumnado das universidades que vén aprender a lingua ou a literatura. 

—A mobilidade é un dos retos que afronta o territorio. Cal pode ser a solución?
Estes proxectos buscan alternativas de mobilidade verde e sostíbel, mais é certo que supón unha debilidade non só a nivel internacional, senón tamén dentro do propio territorio. Temos multitude de núcleos por comunicar e que teñen moitas cousas que ver, polo que facer esa conexión non sempre é doado.

Penso que o gran hándicap a hora de planificar o turismo son os poucos quilómetros de vía cos que contamos nalgúns territorios e a mala conexións que temos entre determinados espazos que turisticamente deberían funcionar unidos. Eu agardo que a demanda solucione en boa parte esas dificultades de mobilidade, mais tamén é certo que non vai ser un reto barato de abordar.

Un turismo aínda "adolescente"

O equilibrio entre a rendibilidade do turismo e o respecto polo medio ambiente e a contorna social non sempre é doado, mais para Xosé Regueira é claro que "a Galiza, afortunadamente, é un territorio emerxente a nivel turístico. Gústame dicir que somos adolescentes nisto porque evidentemente temos un acne que hai que curar, mais tamén temos a oportunidade de aprender do que foron destinos maduros que hoxe en día xa contan con graves problemas, polo que as persoas tampouco se senten atraídas por eles. Nós contamos cunha paisaxe espectacular, un territorio non masificado, unha xente que mantén os lugares vivos e un patrimonio histórico material e inmaterial que atrae toda a xente que nos visita".

Comentarios