Milei anuncia a privatización do Banco Nación de Arxentina

O novo Goberno busca "unha xestión eficiente".
Banco Nación de Arxentina. (Foto: BNA)
photo_camera Banco Nación de Arxentina. (Foto: BNA)

O Banco Nación de Arxentina, pertencente ao Estado, será privatizado como parte da lei ómnibus que aprobará Javier Milei para lograr unha "xestión máis eficiente" e ter un "negocio bancario máis rendíbel", en liña coa estratexia do Executivo arxentino de privatizar diversas empresas públicas. 

Así o confirmou o novo presidente do banco, Daniel Tillard, quen valorou esta transformación como "central" para "medrar, alcanzar eficiencia e mellorar a transparencia na xestión da entidade bancaria".

Entre os motivos que levan o Goberno de Milei a esta privatización figura a xestión dos últimos anos, cun Banco Nación que non "priorizou" o seu obxecto social de canalizar os depósitos e transformalos en préstamos a favor das pemes e as familias arxentinas. Ademais, no banco evidéncianse deficiencias nas prácticas de crédito, ao mesmo tempo que se rexistraron indicadores de mora "moi negativos", con redución dos financiamentos e do nivel de liquidez. 

"O reordenamento económico da Arxentina xerará un cambio substancial do negocio bancario. O desempeño do Banco Nación deberá basearse no aumento dos préstamos a favor das pemes e ás familias e en optimizar o seu funcionamento", sostivo Tillard. 

Camiño da privatización

Desde hai semanas, coa chegada de Milei ao poder, especulouse con que se dera este paso na entidade bancaria, así como noutras empresas estatais como a petroleira YPF ou Aerolíneas Argentinas. As primeiras medidas do novo Goberno abren a porta a seguir este camiño, co obxectivo de "reducir o gasto do Estado".

Comentarios