Denuncian "contaminación política" na Xunta de Fiscais

Luis Navajas, tenente fiscal do Tribunal Supremo, explicou que non convocou a Xunta de Fiscais de Salas para fixar unha resposta ás máis de 20 querelas presentadas contra o Goberno estatal pola xestión da pandemia porque tería que excluír dese encontro fiscais "contaminados politicamente".
O tenente fiscal do Tribunal Supremo, Luis Navajas, nunha foto de arquivo coa fiscala xeral do Estado, Dolores Delgado (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera O tenente fiscal do Tribunal Supremo, Luis Navajas, nunha foto de arquivo coa fiscala xeral do Estado, Dolores Delgado (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)

O tenente fiscal do Tribunal Supremo, Luis Navajas, explicou esta segunda feira, 21 de setembro, que non convocou a Xunta de Fiscais de Salas, que reúne as e os fiscais máis antigos, para fixar unha resposta ás máis de 20 querelas presentadas contra o Goberno estatal pola xestión da pandemia porque tería que excluír dese encontro algunhas e algúns fiscais "contaminados politicamente", entre as que mencionou expresamente a ex fiscala xeral do Estado Consuelo Madrigal, nomeada para tal cargo en 2015 a proposta do Goberno do PP. 

Navajas contou nunha entrevista que cando comezaron a presentarse as querelas contra o Executivo algúns fiscais acudiron ao seu despacho para tentar influencialo. En concreto falou de Madrigal e "doutro compañeiro" cuxo nome non deu. "Son fiscais de altísima consideración pero que neste asunto concreto están contaminados ideoloxicamente", dixo.

No caso de Madrigal afeouna por publicar unha forte crítica contra o Goberno, apostilando que por iso podería ser obxecto dun expediente disciplinario porque, segundo subliñou, "os fiscais teñen absolutamente prohibido felicitar ou censurar as autoridades políticas".

Filtradores internos

O número dous da Fiscalía do  Supremo tamén mencionou como motivo para non convocar a Xunta de Fiscais de Salas a necesidade de evitar filtracións. "Estaba seguro de que convocando 35 fiscais por algún lado íaseme escapar a auga", sentenciou. Nese sentido recomendou que nas fiscalías en que se manexe "información sensíbel" se faga unha "revisión cada cinco anos das e dos fiscais de persoal, para que eses "filtradores" con "amizades perigosas" non se convertan "nun problema para toda a vida".
 

Comentarios