ALEMAÑA PROPÓN UN RESCATE SUAVE A TRAVÉS DO FROB

Dende Europa prevese que España pida o rescate esta fin de semana

Reuters informa de que para mañá hai convocada unha teleconferencia dos ministros de Economía do euro. Das tres fontes consultadas pola axencia, unha afirma que o goberno español pedirá o rescate para recapitalizar os bancos o sábado pola tarde, converténdose no cuarto socio do euro rescatado. Un voceiro do presidente, Mariano Rajoy, que hai dez días que negou o rescate, respondeu a isto que non vai "comentar as especulacións". 

 

O presidente do executivo español xa afirmara onte que agardaría a coñecer os resultados das análises encargadas polo goberno a dúas auditoras independentes antes de tomar decisión ningunha. “Cando coñezamos a cifra e falemos con todos os socios europeos, como estou a facer nestes días, tomaremos a decisión que sexa mellor para os intereses xerais dos españois”, asegurou.

O goberno nega de pleno as informacións xurdidas sobre o futuro financeiro do Estado español nas últimas semanas, mesmo mobilizando institucións internacionais como a Comisión Europea, algo que de momento non se produciu. Rajoy rexeitara con contundencia o rescate hai xa dez días: "Non vai haber rescate ningún da banca española”.

O Ministerio de Economía declina tamén facer comentarios, mais non desmente a noticia. Luis de Guindos, afirmara o pasado mércores que agardaría a coñecer os resultados dos exames sobre a banca que fixeron o FMI e dúas auditorías independentes a petición do Goberno para decidiren se activar o rescate ou non. A publicación das conclusións do informe do Fondo agardábase para este luns, malia adiantarse xa que andará polos 40.000 millóns. A avaliación dos expertos ía ser en 10 ou 15 días, pero poden adiantarse todos os plans perante a urxencia de estabilizar a situación de toda a eurozona, sobre todo, perante a ameaza dunha eventual saída de Grecia do euro.

Rescate "suave" a través do FROB

O goberno español, malia as súas negativas, estivo negociando coa UE e Alemaña para un rescate suave a través do fondo bancario estatal (FROB). Rexeita unha axuda directa dos fondos europeos de rescate á banca, mais Alemaña está disposta a admitir que a axuda teña un carácter especial que diferencie o rescate español dos de outros países, de modo que as condicións impostas sexan máis suaves.

En Berlín opinan que non hai tempo para manter os acordos actuais, que impiden a inxección directa de cartos na banca, e formula un modelo de rescate en que Europa transferiría os cartos ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) español, que se encargaría de sanear, liquidar ordenadamente ou fusionar os bancos problemáticos.

O rescate do Estado español a través do FROB cumpriría coa esixencia alemá de que a axuda lle sexa facilitada ao Estado, pero ao tempo marcaría diferenzas. Os cartos facilitados, dos que a cantidade dependerán das auditorías, irían destinados exclusivamente ao saneamento do sector financiero. Por isto as condicións impostas a España limitaranse, segundo Reuters, ao propio sector financeiro.

Comentarios