Demócratas progresistas urxen a Biden "negociacións directas" co Kremlin no marco da guerra en Ucraína

"Instámolo a que realice esforzos diplomáticos enérxicos en apoio dunha solución negociada e un cesamento do fogo, estabelecer conversas directas con Rusia e explorar as perspectivas dun novo acordo de seguridade europeo aceptábel para todas as partes", dixeron representantes do Partido Demócrata nunha carta dirixida ao presidente dos EUA.
O presidente estadounidense, Joe Biden. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press)
photo_camera O presidente estadounidense, Joe Biden, defende que o interlocutor debe ser Kíiv. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press)

A facción progresista do Partido Demócrata dos EUA vén de demandar ao presidente, Joe Biden, unha negociación "directa" co Goberno ruso para "mudar o enfoque" do país a respecto da guerra de Ucraína, segundo recolle o xornal The Washington Post.

Unha trintena de representantes do 'Caucus Progresista' do Congreso, encabezados pola membro da Cámara e líder deste grupo demócraya, Pramila Jayapal, trasladou a mensaxe esta segunda feira nunha carta enviada á Casa Branca na que urxen un "impulso diplomático proactivo".

O obxectivo, defenden na misiva, é "redobrar os esforzos" dos EUA para "buscar un marco realista para un alto o fogo". Aliás, inciden na súa "preocupación" pola "falta dun diálogo regular" entre Washington e Moscova, toda vez que Biden esgrimiu en reiteradas ocasións que debe ser Kíiv o interlocutor.

"Instámolo a que realice esforzos diplomáticos enérxicos en apoio dunha solución negociada e un cesamento do fogo, estabelecer conversas directas con Rusia e explorar as perspectivas dun novo acordo de seguridade europeo aceptábel para todas as partes", apuntaron.

Tamén fixeron alusión aos "miles de millóns de dólares dos contribuíntes" que foron parar ao conflito e ás "ameazas de guerra nuclear de Rusia". Fronte a isto, e "dada a destrución creada por esta guerra para Ucraína e o mundo, así como o risco dunha escalada catastrófica", consideran que "é de interese para Ucraína, os EUA e o mundo evitar un conflito prolongado".

Entre as persoas asinantes inclúense representantes demócratas como Alexandria Ocasio-Cortez, Cori Bush, Jamaal Bowman ou Mark Pocan. Porén, horas despois de facerse pública a carta e ante as críticas recibidas por parte do partido, Pramila Jayapal manifestou o seu "firme" compromiso coas accións da Casa Branca.

"Permítame ser clara: estamos unidos como demócratas no noso compromiso inequívoco de apoiar Ucraína na súa loita pola súa liberdade e democracia fronte á ilegal e indignante invasión rusa. A diplomacia é unha ferramenta importante que pode salvar vidas, mais é só unha ferramenta", dixo.

Comentarios