Xa hai datas para a moción de censura do PSOE a Raxoi: esta quinta e sexta feira

A iniciativa foi admitida a trámite esta segunda feira e xa está na axenda do Congreso.

Congreso, abertura constitución da XII lexislatura.
photo_camera Sesión de constitución desta lexislatura no Congreso

A moción de censura do PSOE a Raxoi -a segunda no que vai de lexislatura, a primeira formulouna hai agora un ano Podemos- xa ten datas, vaise realizar esta semana quinta feira 31 de maio e sexta 1 de xuño.

As datas para a realización do debate foron consensuadas pola presidenta do Congreso, Ana Pastor, e o líder do PSOE, Pedro Sánchez, informa El País.

A moción só prosperará se obtén 176 votos a favor. Dado que Cs xa anunciou que non a apoiaría (ao non ter un carácter instrumental para convocar eleccións de forma inmediata), Pedro Sánchez só podería ser o próximo inquilino da Moncloa se consegue o apoio das formacións soberanistas. En principio ten o apoio de todas elas, ben como o de Podemos. A única dúbida estriba no sentido do voto dos parlamentares (5) do PNV. Son decisivos. Sen eles Sánchez ficaría en 175, un menos dos que precisa.

O PNV pon como condición para o seu respaldo que Sánchez non convoque eleccións de inmediato. É un atranco doado de resolver para o PSOE, sendo que Ferraz prefire gobernar uns meses para xogar co calendario eleitoral con vistas a progresar nas enquisas, neste momento lideradas con clareza por Ciudadanos.

Se hai algo que teme Sabin Etxea -a sede da formación jeltzale- é un goberno de Albert Rivera, un factor que pode inclinar finalmente a balanza a prol de Pedro Sánchez.

Comentarios