Os cinco datos chave da detención do xornalista Pablo González en Polonia, 50 días despois

Medio centenar de días despois de que o xornalista vasco de orixe rusa fose detido pola autoridades polacas e acusado de colaborar co Goberno ruso, seguen a ser máis as incertezas que os feitos seguros sobre cal será o seu futuro a medio prazo.
O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis/Twitter)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)
  1. O CNI interrogou os seus familiares mentres era expulsado de Ucraína
  2. Polonia acusa o xornalista de espionaxe, cunha pena máxima de dez anos de prisión
  3. Cincuenta días incomunicado, sometido a interrogatorios e en mal estado físico
  4. Algúns deputados exixen a súa liberación, mentres denuncian a "inacción" do Goberno español
  5. Amnistía Internacional exixe un xuízo xusto para Pablo González

O pasado 28 de febreiro, catro días despois de que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, decretase o inicio da "operación militar especial" no Donbás e comezase a guerra de Ucraína, o xornalista e correspondente vasco Pablo González foi detido en Polonia, após ser expulsado de Ucraína. Cincuenta días máis tarde, González segue en prisión, e tanto a súa defensa como a plataforma creada no seu nome denuncian a súa situación. Mais, que se sabe da verdadeira situación de Pablo González?

O CNI interrogou os seus familiares mentres era expulsado de Ucraína

O pasado 6 de febreiro, cando aínda non comezara a guerra, González foi retido durante horas polas autoridades de Kíiv, que o acusaron de ser "prorruso" e de ter relación con ETA, por ser colaborador do diario Gara e ter unha tarxeta de crédito de Laboral Kutxa.

O xornalista trasladou o seu caso á Embaixada do Estado español na capital de Ucraína. Ao mesmo tempo, axentes do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) interrogaron familiares e achegados seus en Euskal Herria e Catalunya, nun ton moi semellante ao das autoridades de Kíiv.

Polonia acusa o xornalista de espionaxe, cunha pena máxima de dez anos de prisión

O correspondente foi retido no cárcere de Rzeswów. Tal e como explicou o avogado defensor de González, Gonzalo Boye, as autoridades polacas acúsano dun presunto delito de espionaxe, segundo o artigo 130.1 do Código Penal do país. Este tipo de delitos contan cun pena que pode chegar até os 10 anos de prisión.

Cincuenta días incomunicado, sometido a interrogatorios e en mal estado físico

Segundo explicou o seu letrado, González leva desde o momento da súa detención en condición de incomunicado, tal e como decretaron as autoridades polacas, que tamén estabeleceron o secreto na acusación ao xornalista.

Boye detallou que, nas poucas ocasións que puido contactar co seu defendido, atopouse cunha persoa en mal estado físico, que perdeu até dez quilogramos de peso e que afirma estar a ser sometido continuamente a interrogatorios no que o acusan de recompilar información para o Goberno ruso, na súa condición de correspondente en Ucraína e Polonia.

Algúns deputados exixen a súa liberación, mentres denuncian a "inacción" do Goberno español

Un grupo de deputados do Congreso, das formacións BNG, Unidas Podemos, EH Bildu, ERC, PNV, Junts, CUP e Compromis exixiron a liberación inmediata do xornalista, após constatar a falta de transferencia da xustiza polaca durante todo o proceso de detención e acusación a Pablo González.

Por outra parte, denunciaron a "inacción" do Goberno español e demandaron que o Executivo de Pedro Sánchez levase a cabo unha denuncia política contundente pola vulneración de dereitos de liberdade de expresión e información en Polonia.  

Amnistía Internacional exixe un xuízo xusto para Pablo González

O último que se sabe do caso do correspondente é que Amnistía Internacional exixiu a Polonia que asegure un xuízo xusto para Pablo González, coas "debidas garantías".

A plataforma polos dereitos humanos tamén se puxo en contacto coa Embaixada do Polonia no Estado español para solicitar que o xornalista poida pórse en contacto tanto cos seus familiares como co seu avogado.

"A falta de contacto co exterior dificulta a capacidade das persoas detidas para preparar a súa defensa, e afecta aos seus dereitos á vida privada e familiar e á súa saúde", engade Amnistía Internacional.

Comentarios