Unha semana de cautiverio para o xornalista Pablo González

O silencio dos Gobernos polaco e español fan ao avogado do xornalista solicitar a "protección" do Comité Internacional da Cruz Vermella, en virtude dos Convenios de Xenebra para conflitos armados.

O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis/Twitter)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)

O xornalista Pablo González, que estaba a actuar como correspondente para diversos medios españois na fronteira entre Polonia e Ucraína, foi detido o pasado 28 de febreiro polas autoridades polacas. Após sete días detido e cunha acusación formal de actuar como espía para o Goberno ruso, as autoridades españolas manteñen o silencio sobre que actuacións están a levarse a cabo para facilitar a súa saída do cárcere.

González foi detido na madrugada do domingo á segunda feira por axentes policiais de Polonia (ABW nas siglas en en polaco) e trasladado ao centro penitenciario de Rzeswów, onde foi sometido a varios interrogatorios sen a presencia do seu avogado, Gonzalo Boyé, e onde foi sometido a un réxime de illamento durante máis de catro días, segundo denunciou o propio letrado.

Boyé tamén explicou que as autoridades polacas acusan a Pablo González da comisión dun delito de espionaxe para Axencia de Intelixencia rusa, recollido no artigo 130.1 do Código Penal polaco, cunha pena de até dez anos de prisión.

"O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", sinalou o Goberno polaco nun comunicado, en relación á detención do xornalista vasco. 

Espía da Intelixencia rusa

O portavoz do Goberno polaco, Stanislaww Zaryn, asegurou que González fora "identificado como un axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior Xeral da Federación Rusa (GRU)", en declaracións á axencia de prensa de Polonia PAP.

O Goberno polaco mantén que o xornalista "realizou actividades para Rusia mentres aproveitaba o seu estatus xornalístico. Isto permitiulle moverse libremente por Europa e o resto do mundo, incluíndo zonas afectadas por conflitos armados e áreas de tensión política". Nestes lugares, levou a cabo presuntos labores de espionaxe para a Intelixencia rusa, segundo manifestan as autoridades de Polonia.

A comezos de febreiro, Pablo González estaba a traballar en Ucraína, cubrindo a escalada de tensión que naqueles momentos estaba a ter lugar. Non en tanto, foi acusado de ser un activista pro ruso polas autoridades locais, que lle obrigaron de facto a saír do país rumbo a Polonia, onde estivo a traballar até o momento mesmo da súa detención.

O diario dixital Público, para o que o xornalista vasco actuaba como corresponsal, desvelou ao mesmo tempo que este era interrogado polos servizos secretos ucraínos, axentes do Centro Nacional de Intelixencia español (CNI) interrogaron a varios familiares seus de Euskadi e Catalunya, buscando posíbeis relacións con ETA ou co Goberno ruso.

"Risco" físico e psíquico

Aínda que nun primeiro momento o Goberno español comprometérase a facer todo o poíbel para liberar a González, o avogado defensor do xornalista denunciou nas últimas horas o "silencio" do consulado español en Polonia á hora de obter informarción sobre o seu estado ou mesmo para poder reunirse con el.

Neste sentido, Gonzalo Boyé xa anunciou que solicitará "protección" para o xornalista ao Comité Internacional da Cruz Vermella (CIRV). "Solicitaremos que lle dean a protección que estabelecen as Convencións de Xenebra en caso de conflito armado", detallou o letrado, segundo recolleu Europa Press.

Boyé lembra que a incomunicación total á que está sometido Pablo González impide contar con "garantía algunha" sobre cal é o estado de saúde do xornalista desde o comezo da súa detención, polo que pode existir "risco real" físico e psíquico se está a "sufrir un trato inhumano e degradante".

Comentarios