O xornalista Pablo González, acusado de ser un espía de Rusia, seguirá en prisión até o 29 de maio

Segundo expón o xornal 'El País', nin a familia nin o avogado puideron comunicarse con González, a quen identifica Polonia cos supostos alcumes de Aleksey Rubtsov e Pavel Rubtsov e sobre quen paira a unha pena de até dez anos de prisión.
O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).
photo_camera O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).

As autoridades polacas veñen de comunicar á familia do xornalista vasco Pablo González, detido o pasado 28 de febreiro, que ficará en prisión provisional, cando menos, até o próximo 29 de maio.

Así o adiantou esta cuarta feira o xornal El País, que tivo acceso á carta remitida por Polonia a respecto desta detención, na que se informa de que o Tribunal Rexional de Rzeszów "ordenou privar temporalmente de liberdade [a González]" e mantelo preso no centro penitenciario desta localidade.

Dentro de dous meses, na citada data, pasará a disposición da Fiscalía Nacional de Rzeszów para ser xulgado.

González está acusado de "colaborar" coa intelixencia rusa "como axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior Xeral da Federación Rusa", e a Policía polaca identifícao cos alcumes de Aleksey Rubtsov e Pavel Rubtsov.

Segundo recolle El País, esta é a primeira vez desde a detención do xornalista que as autoridades polacas se puxeron en contacto coa súa familia, que aínda non puido falar con González.

Tampouco puido facelo o seu avogado, Gonzalo Boyé, que sinalou a este mesmo xornal que vive "no descoñecemento absoluto". "Non sabemos de onde sacaron as acusacións, nin a que supostas probas se refiren. O seu letrado non puido falar con el e, polo tanto, non se pode comezar traballar na súa defensa", dixo.

O delito de espionaxe que se lle imputa prevé unha pena de até dez anos de prisión no caso de que a Xustiza polaca o declarase culpábel.

Comentarios