A crise climática, esa "fantasía utópica"

Novos informes científicos volven alertar da necesidade de dar pasos firmes para cumprir cos obxectivos do Acordo de París. Pola saúde do Planeta e pola saúde do ser humano, que segundo unha investigación en 'The Lancet' periga gravemente. Evidencias que, como  onte Viktor Orbán, os líderes populistas da dereita desdeñan.
EuropaPress_4020934_21_october_2021_belgium_brussels_hungarian_prime_minister_viktor_orban
photo_camera O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, á súa chegada ao Consello Europeo, onte en Bruxelas (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga)

"Un novo regulamento, disparar os prezos até o ceo, destruír a clase media". Esa é a análise que o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, realizou onte das medidas de Bruxelas para combater a crise climática, á súa chegada ao Consello  Europeo, a cimeira de xefes de Estado e de Goberno da UE.

O líder ultraconservador tamén culpou a transición cara a enerxías verdes do alto prezo da luz, se ben a Comisión Europea defende que se debe ao incremento do prezo do gas. A UE importa arredor de 60% do total da enerxía que consume, sobre todo gas e petróleo rusos. Un gas polo que na pospandemia está a competir cos países asiáticos, mentres que Rusia se resiste a incrementar as exportacións

O argumento do líder húngaro coincide co defendido pola dereita populista global. Steve Milloy, fundador do portal Junk Science e membro do comité de transición enerxética do ex presidente dos EUA Donald Trump, sinalaba no xornal conservador The Washington Times que os informes climáticos da ONU son "excesivamente propagandísticos". 

Tamén Gregory Wrightstone, director da escéptica CO2 Coalition, fala da "fantasía" dun mundo que poida progresar sen combustíbeis fósiles, e da "realidade" da xente que "quere e merece vivir libre de pobreza". Os países do G20, os máis ricos, causan 80% das emisións globais.

"Dun lado, o sentido común; do outro, a fantasía. E a fantasía utópica mátanos; ese é o problema do prezo da enerxía", afirmaba onte Orbán, en liña con ese discurso populista: a cualidade para tocar a fibra sensíbel da cidadanía, ofrecendo supostas solucións fáciles a problemas complexos. Ignorando os datos científicos.

Fame e enfermidades

Datos científicos como os achegados no informe que publica esta semana The Lancet. O cambio climático, sostén, vaise converter "na narrativa que defina a saúde humana", como consecuencia de carencias alimenticias, desastres letais e surtos de enfermidades que, en comparación, reducirán o coronavirus a unha anécdota.

En Conta atrás para a saúde e o cambio climático ─ese é o nome do informe anual da revista médica─ máis de cen profesionais sanitarios alertan dos perigos dun Planeta máis quente. Son estas: mortes súbitas por golpes de calor; insectos con doenzas tropicais chegando a todos os puntos do globo; maior aumento do polen no aire, agravando asma e outras enfermidades respiratorias.

Continúa: chuvias e riadas extremas, que están a elevar o risco de padecer cólera e outras enfermidades transmitidas pola auga estancada; maior número e máis intensos incendios, que transportan partículas canceríxenas a miles de km e acceden ao rego sanguíneo humano a través da respiración; secas máis duradeiras e constantes, que derraman colleitas, elevan o prezo dos alimentos e levan a fame ás poboacións máis vulnerábeis, especialmente nos países menos desenvolvidos.

Punto de non retorno

Ameazas todas reais, que con respecto ao informe de 2020 se multiplicaron. Lonxe da "fantasía utópica" de Orbán. "A humanidade afronta un punto de non retorno crucial", sinalan os autores da investigación, que chega a menos de dúas semanas de que os líderes mundiais se reúnan en Glasgow para a decisiva conferencia climática da ONU, a COP26 (31 de outubro-12 de novembro).

O de The Lancet é o enésimo informe que alerta da dramática situación que o ser humano e o resto dos habitantes do Planeta ─o único polo momento en que é viábel a vida tal e como a coñecemos─ afrontan xa. Hoxe. 

Así literalmente, como "a maior ameaza que afronta a humanidade", cualificaba a crise climática a OMS nun documento publicado a semana pasada. 

A emisión de gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono (CO2), producidos pola queima de combustíbeis fósiles, é a principal causante do quecemento global, que á súa vez provoca o cambio climático. Porén, a intención dos grandes contaminadores do mundo ─China e Estados Unidos─ é aumentar a súa extracción nos próximos anos.

Máis leña ao lume

Así o denuncia a ONU no Informe sobre a Fenda de Produción 2021, publicado nas últimas horas. O de 2019 xa constataba que "os Gobernos do mundo planeaban producir moitos máis combustíbeis fósiles do que era compatíbel co seu compromiso do Acordo de París para limitar o quecemento global" (de aí o nome de "fenda", entre o prometido e a realidade).

"Dous anos despois, coa crise climática máis evidente e urxente que nunca, os Gobernos continúan a apostar por extraer moito máis carbón, petróleo e gas do que é consistente cos límites climáticos acordados", critica, subliñando o aumento desa "fenda".

E estes son os principais datos que achega: os Gobernos planean producir máis do dobre (110%) da cantidade de combustíbeis fósiles en 2030 do que sería consistente con limitar o quecemento a 1,5ºC a finais deste século (45% máis, para que non suba de 2ºC); os países do G20 destinaron máis fondos adicionais aos combustíbeis fósiles que á enerxía limpa desde o comezo da pandemia; e a extracción de carbón acabará caendo nos próximos 20 anos, mais o gas aumentará drasticamente.

Todo o contrario do sinalado polo Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU no exhaustivo informe presentado en agosto. Alí apuntaba que para non superar o limiar de 1,5ºC a finais de século, as emisións de CO2 debían reducirse en 45% para 2030 con respecto aos niveis de 2010.

"Ten que ser a sentenza de morte para o carbón e para o resto de combustíbeis fósiles antes de que destrúan o noso Planeta", afirmaba o secretario xeral da ONU tras a publicación do informe do IPCC. Mais os grandes contaminadores teiman en mantelos con vida, nun Planeta que será zombi.

O gas, ese escuro obxecto de desexo

O 'Informe sobre a Fenda de Produción' da ONU analiza os plans até 2030 dos 15 maiores produtores de combustíbeis fósiles con respecto a 2019. A tendencia é a reducir o carbón e a aumentar drasticamente a extracción de gas. Arabia Saudí (4,7 exajules máis), Rusia (+4,3), China e EUA (+3,8, cada un) son os países que máis a incrementarán. A UE é moi dependente do gas na actualidade. Segundo datos de Eurostat, en 2020 os países dos o importou, de maior a menor, foron: Rusia (43,4% do total), Noruega (20%), Alxeria (12%), Reino Unido (5,5%), Estados Unidos (5%) e a suma doutros países (14%).

Comentarios