Con ou sen pandemia, o Planeta esmorece

Falar da situación da casa común dos seres humanos é falar de malas noticias. Pasan os anos, avanzan as investigacións e a análise é unívoca: fillos e netos vivirán nun mundo ben diferente ao de pais e avós. Nun Planeta hostil, onde os seus actuais moradores continúan obstinados en o facer inhabitábel. E non hai máis que este.
inundacion_haiti_LoganAbassi
photo_camera Actualmente hai cinco veces máis fenómenos meteorolóxicos extremos que en 1970. Na imaxe, Haití (Foto: Logan Abassi / Minustah)

"Non hai sinais de que volvamos ser máis verdes". A paréntese de 2019 nas emisións de dióxido de carbono (CO2) por mor dos confinamentos pandémicos foi, basicamente, un espellismo. En 2020 recuperáronse os niveis previos e en 2021 están a medrar de novo rapidamente. En definitiva, o mundo está moi lonxe dos obxectivos estabelecidos no Acordo de París por máis de 190 países.

Recólleo o vasto informe United in Science 2021 elaborado baixo a coordinación da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), e con achegas do Programa da ONU para o Medio Ambiente (PNUMA), da Organización Mundial da Saúde (OMS), do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) e do Programa Mundial de Investigacións Climáticas (PMIC), entre outros.

O secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, resumiuno así, nunha mensaxe de vídeo na presentación onte do documento: "A alteración do noso clima e do noso Planeta xa é peor do que pensabamos e está a avanzar máis axiña do previsto". O informe ─manifestou─ mostra "o afastados que estamos do camiño a seguir".

Tamén na presentación, de corpo presente, o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas, afirmou que "había certa noción de que os confinamentos pola Covid terían un impacto positivo na atmosfera, mais non é o caso". 

Este parón forzado, recolle United in Science 2021, non foi abondo para reverter os elevados niveis de gases de efecto invernadoiro. E Taalas mostrouse decepcionado coa oportunidade perdida, cando se fantasiaba co regreso, logo de superada a Covid, a un mundo mellor.

Décimas infernais

As advertencias das últimas décadas comezan a ser máis e máis visíbeis. Actualmente hai cinco veces máis fenómenos meteorolóxicos extremos que en 1970, cun efecto máis devastador en vidas humanas e perdas económicas: inundacións, secas, lumes... que teñen unha relación directa coa sobreexplotación do Planeta, tal e como recolleu o IPCC no seu informe de agosto.  

A temperatura media mundial dos últimos cinco anos foi das máis altas, entre 1,06ºC e 1,26ºC por riba dos niveis preindustriais Isto é, a temperatura que había antes da do inicio da Revolución Industrial en Gran Bretaña, a finais do século XVIII (os estudos sitúan os primeiros sinais do cambio climático inducido pola acción humana a partir de 1830, intensificado desde 1930).

Neste sentido, United in Science 2021 cifra en 40% a posibilidade de que nos próximos cinco anos se superen os 1,5ºC, o límite fixado no Acordo de París para as revisións quinquenais (ademais da barreira máxima de 2ºC para este século). 

A diferenza de centésimas, aparentemente nimia, a nivel global supón a diferenza entre a vida e a morte. Entre un Planeta habitábel e outro inhóspito.

Máis ricos, máis xordos

Non hai razóns para ser optimistas. Ningunha das maiores economías do mundo está a ser fiel a eses compromisos acordados en 2016, segundo a análise presentada na cuarta feira polo proxecto Climate Action Tracker (CAT), que analiza o a observancia por parte dos Gobernos dos compromisos do Acordo de París. 

Os 36 países analizados ─incluídos todos os do G20─, ademais da UE no seu conxunto, están lonxe dos plans para conter en 1,5ºC o aumento da temperatura. A suma de todos eles ─coa China e os EUA como os dous maiores focos de contaminación planetaria─ é de 80% do total mundial de emisións. 

O estudo tamén inclúe algúns países en desenvolvemento: Gambia é o único das 37 entidades analizadas que cumpre cos parámetros estabelecidos no Acordo de París.

Esta cuestión serán o asunto central da Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático de 2021, tamén coñecida como COP26, que se desenvolverá na cidade escocesa de Glasgow entre o 31 de outubro e o 12 de novembro. Esta reunión fundamental deberá ─debería─ marcar o rumbo da acción climática para a próxima década.

Onte, Petteri Taalas mostrouse taxativo: "Se fracasamos na mitigación do cambio climático, teremos un problema permanente durante centos ou mesmo milleiros de anos. Os efectos económicos e humanos serán moito máis dramáticos que esta pandemia de Covid".

O burato de ozono, "maior do habitual"

As malas noticias acumúlanse. O burato na capa de ozono que se desenvolve anualmente por estas datas é "bastante maior do habitual" e actualmente sería máis grande que toda a Antártida, segundo sinalou nun comunicado o Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus, que rexistra a súa evolución. O burato ─o desgaste da capa, formalmente─ fórmase polo efecto do sol en combinación cos químicos contidos en aerosois, disolventes ou espumas. A maioría foron prohibidos nas últimas décadas; non así os que son usados en equipos de aire acondicionado, na aviación ou en actividades militares. O burato, que tamén existe sobre o Polo Norte, foi detectado en 1979. O desta semana é 75% maior que aquel, di Copernicus. Porén, desde a entrada en vigor do Protocolo de Montreal, en 1989, o nivel de ozono estabilizouse. A capa protexe dos raios ultravioleta asociados co cancro de pel ou coas cataratas. Onte conmemorouse o día internacional para a súa preservación.

Comentarios