O novo mundo: inundacións, secas e lumes

Case 14.000 investigadores claman por unha acción urxente para frear a emerxencia climática ante a intensificación dos fenómenos climáticos extremos, como os incendios en Siberia ou as riadas en varias partes do mundo. A causa, din: a falta de vontade política para conter a "sobreexplotación do planeta Terra".
EuropaPress_3847641_19_july_2021_austria_amstetten_fire_brigade_emergency_workers_inspect
photo_camera As inundacións dos últimos días no centro de Europa deixaron ducias de mortes e graves estragos. (Foto: Helmut Fohringer / APA / Dpa)

"Os fenómenos extremos e patróns climáticos dos que fomos testemuñas nos últimos anos ─por non mencionar as últimas semanas─ subliñan a intensificación da urxencia con que temos que abordar a crise climática", apunta Philip Duffy, coautor do estudo publicado na cuarta feira na revista científica BioScience.

O grupo de reputados expertos que o elaborou forma parte dos máis de 13.900 expertos que xa asinaron unha petición aos Gobernos do mundo para asumiren oficialmente a emerxencia climática; e subliñan a causa dun problema actual que irá indo a peor nos próximos anos: a falta de vontade política para conter a "sobreexplotación da Terra".

En 2019, máis de 11.000 científicos duns 150 países uníronse para declarar a emerxencia climática. Agora, case 3.000 asinantes máis únense á petición para a protección da vida na Terra, tras dous últimos anos, en que o Planeta viviu "un xurdimento sen precedentes" de desastres climáticos.

As inundacións na China e na India dos últimos días continúan a elevar a día de hoxe o número de falecementos. Tamén en Europa, especialmente en Alemaña e Bélxica, as chuvias caídas en dous días ─equivalentes ás de dous meses, cifra sen precedentes─  devastaron varias rexións e deixaron máis de 200 mortes. 

Nestes últimos meses tamén houbo riadas en Suramérica, vagas de calor extremas e lumes en Australia e nos EUA, e ciclóns devastadores en África e Asia. 

Outro caso significativo é o de Siberia, que nos últimos anos está a rexistrar temperaturas extremadamente altas. En rexións como Yakutia sempre foron comúns os incendios, mais os científicos alertan que agora son máis intensos, máis duradeiros e en lugares onde antes non se producían.

'Constantes vitais'

Das 31 "constantes vitais" do Planeta ─signos de medición da saúde planetaria que inclúen as emisións de gases de efecto invernadoiro como o CO2, a cantidade de xeo dos glaciares ou a deforestacións─, o estudo publicado en BioScience rexistrou récords negativos en 18 apartados. 

Por exemplo, 2020 foi o segundo ano máis caloroso desde que hai rexistros; e a comezos de 2021, a concentración de dióxido de carbono na atmosfera tamén era a máis alta da historia das medicións. O desxeo nos glaciares é 31% máis rápido que hai 15 anos, e nunca tan pouca masa xélida houbo en Grenlandia ou na Antártida

Na Amazonía brasileira a taxa de deforestación anual alcanzou en 2020 o seu máximo dos últimos 12 anos. O estudo, citando investigacións previas, sostén que os incendios e as talas están a converter partes desta selva en emisoras de CO2, no canto de puntos de absorción de dióxido de carbono.

Por todo isto reclaman accións en seis apartados: eliminación dos combustíbeis fósiles e a mudanza definitiva a enerxías renovábeis; supresión radical de contaminantes na atmosfera como o metano; restauración de ecosistemas; cambio a unha dieta baseada en vexetais; renuncia ao modelo de crecemento económico infinito; e estabilización, reducíndoa, da poboación planetaria.

"Temos que deixar de tratar a emerxencia climática como se fose un problema independente; o quecemento global non é o único síntoma do noso saturado sistema terrestre ─apunta o estudo─, senón unha das moitas caras da apremante crise ambiental". 

O IPCC prepara o informe que pode dar pé a un novo Acordo de París

O Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC) reúnese esta semana e a que vén en Xenebra para examinar e aprobar a primeira parte do seu sexto informe de avaliación, coa vista posta na Conferencia da ONU sobre Cambio Climático (COP26), prevista do 31 de outubro ao 12 de novembro.

O informe a debater leva por título Cambio climático 2021: a ciencia física que a sustenta e mostrará probas de porqué o clima mudou; tamén busca explicar mellor a influencia humana nos eventos climáticos extremos, como as inundacións recentes en Europa, China India ou a vaga de calor nos EUA.

O IPCC publica este tipo de informes cada seis ou sete anos; o último, que foi difundido no ano 2014, serviu de base científica para os debates e negociacións que deron lugar ao Acordo de París sobre cambio climático.

Comentarios