xoves 02/12/21

A ameaza climática que nin a pandemia da COVID-19 está sendo capaz de evitar

O parón económico provocado pola pandemia da COVID-19 levou a unha redución de case 6% nas emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Os organismos internacionais e a comunidade científica consideran que é 'pan para hoxe, fame para mañá' e alertan doutras ameazas inminentes, como o desxeo do Ártico.
artico
A redución do xeo mariño no Ártico rexistrou novos máximos históricos nos últimos meses (un.org)

O Informe sobre o Estado do Clima Mundial (IECM) en 2019 alerta sobre a situación crítica á que nos encamiñamos. Na súa presentación hai pouco máis dun mes, tanto Petteri Talaas, secretario xeral da Organización Mundial de Meteoroloxía (OMM), como António Guterres, secretario xeral da ONU, coincidían en salientar a gravidade do estado do planeta, por riba da ameaza da COVID-19

En realidade, tal e como reflexiona Sonia Shah en Le Monde Diplomatique, a pandemia é consecuencia do estado do planeta. Da invasión, redución e destrución do hábitat de especies salvaxes.

Esta semana, con motivo do 50º aniversario do Día da Terra, fixéronse públicos varios estudos validando que o cambio climático se acelera a pasos de xigante, con consecuencias que están a impactar seriamente na vida humana e na flora e fauna do planeta. O último, elaborado por unha trintena de especialistas que encabeza o xeofísico Dirk Notz, da Universidade de Hamburgo, asegura que en 30 anos o Océano Ártico estará libre de xeo durante os veráns.

Publicado pola Unión Estadounidense de Xeofísica (AGU, nas siglas en inglés), o estudo analiza numerosos modelos climáticos. Todos, mesmo os máis optimistas que contemplan notábeis reducións nas emisións de CO2 á atmosfera, apuntan á data de 2050. Ou antes. "Se reducimos as emisións globais rápida e substancialmente, e polo tanto mantemos o quecemento global por baixo dos 2 °C relativos aos niveis preindustriais, o mar de xeo do Ártico é probábel, porén, que desapareza ocasionalmente nos veráns mesmo antes de 2050", afirma Notz.

Cambio climático

A este derretemento pode estar afectando tamén o propio cambio climático, non só o aumento da temperatura global. Segundo outro recente estudo sobre o desxeo de Grenlandia, publicado en The Cryosphere por Marco Tedesco, da Universidade de Columbia, os prognósticos poderían ser mesmo optimistas. Sostén que os modelos de predición non teñen en conta as correntes atmosféricas. Por exemplo, na rexión analizada o tempo anticiclónico foi inusitado durante o ano pasado, unha circunstancia que se observa tamén noutras rexións como Siberia.    

A comunidade científica leva anos predicindo a fin do Ártico tal e como se coñece, e pode chegar un inverno en que o mar de xeo non recupere a súa perda estival, tal e como leva facendo desde hai millóns de anos. O IECM recolle que a redución do xeo mariño no Ártico rexistrou novos máximos históricos nos últimos meses. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

CO2 durante a corentena

E o que sucede no Ártico non fica no Ártico. O planeta está interconectado. O desxeo provocará cambios profundos no ecosistema e, como un círculo vicioso, alerta a comunidade científica, amplificará os efectos do quecemento climático: a máis desxeo no Ártico, menos luz solar que a rexión pode reflectir, máis calor que o planeta debe absorber, máis desxeo no Ártico.

Neste sentido, a OMM advertiu nas últimas horas de que os datos de redución das emisións de CO2 rexistrados nos últimos meses como consecuencia do parón económico provocado pola pandemia da COVID-19 son "boas noticias só a curto prazo". O Centro para a Investigación Climática Internacional e outros organismos elaboraron recentemente un estudo que estima a redución das emisións entre 5,5% e 5,7%

Axiña a economía comece a se recuperar, considera a OMM, as emisións de CO2 volverán aos niveis previos. "Podería mesmo haber un incremento", declarou o seu responsábel, Petteri Talaas. E con este incremento volverá a dinámica de quecemento global. 

Tal e como sinala a científica climática Kate Marvel nun artigo en Drilled News, portal asociado á revista Nature, "se a cualidade do aire é mellor agora, se menos xente morre pola polución, non é tanto unha mostra dun benvido progreso senón unha evidencia de como eran as cousas antes".

No caso do Ártico, o desxeo supón unha ameaza real e inminente para toda a humanidade, afirma a comunidade científica. Mais para algúns supón novas oportunidades: menos xeo permite a apertura de pasos para os barcos, acortando tempos entre Atlántico e Pacífico; e menos xeo significa acceso aos recursos de petróleo e gas que agocha o seu subsolo. Nesa carreira xa están Rusia, os Estados Unidos e a China.

A ameaza climática que nin a pandemia da COVID-19 está sendo capaz de evitar
comentarios