INTERNACIONAL

O coronavirus e as políticas de Jair Bolsonaro axexan os pobos orixinarios do Brasil

O coronavirus e as políticas de Jair Bolsonaro axexan os pobos orixinarios do Brasil

O Brasil anunciou nas últimas horas unha serie de medidas para evitar a expansión da COVID-19 entre a poboación indíxena, algo que reclama a sociedade civil desde hai tempo e que podería chegar demasiado tarde por parte dun Goberno que, segundo denuncian as ONG, lexisla en contra dos intereses destes pobos amerindios.
indios_noncontactados
photo_camera Os pobos non contactados son os máis vulnerábeis ás doenzas (G. Miranda / FUNAI / Survival)

Na pasada sexta feira facíase público o pasamento de Alvanei Xirixana, un adolescente ianomami de 15 anos, a primeira vítima pola COVID-19 en territorio indíxena. Anteriormente finaran outras dúas persoas, membros de pobos orixinarios, mais que vivían en zonas urbanas: unha muller borari de 87 anos, no Estado do Pará, e un home mura en Manaos, a capital do extenso Estado do Amazonas, onde, segundo a Secretaria Especial de Saúde Indígena (Sesai), hai sete casos de indíxenas infectados polo novo coronavirus SARS CoV-2, informou onte O Globo.

Segundo detallou a Folha, Xirixana era da aldea Rehebe, á beira do río Uraricoera, rexión de entrada para miles de garimpeiros ilegais (persoas que se dedican ás actividades extractivas de minerais), á procura do ouro que se encontra nas terras ianomami (na fronteira con Venezuela).

Durante a chamada "invasão garimpeira", entre os anos 1960 e 1980, arredor de 15% da poboación faleceu como consecuencia de varias enfermidades víricas, principalmente o sarampelo. Jair Bolsonaro chegou á presidencia do Brasil prometendo abrir as terras indíxenas á explotación. 

O pasado 5 de febreiro, cando se facían 400 días da súa asunción no cargo, presentou un proxecto de lei que permitirá nestes territorios a actividade agrícola extensiva, a xeración e transmisión de enerxía e a exploración de petróleo, gas e outras actividades.

"Vamos sofrer pressões dos ambientalistas? Ah, esse pessoal do meio ambiente, né? Se um dia eu puder, eu confino-os na Amazônia, já que eles gostam tanto do meio ambiente. E deixem de atrapalhar os amazônidas daqui de dentro das áreas urbanas", afirmou na altura Bolsonaro.

Pola súa banda, os ianomamis denunciaron que nos últimos meses houbo un aumento das invasións ao seu territorio, unha cifra que a asociación que os representa, Hutukara, estima en 25.000 mil garimpeiros ilegais

No Brasil hai uns 850.000 membros de pobos indíxenas. Os que viven na Amazonia son especialmente vulnerábeis á COVID-19. Durante séculos as enfermidades occidentais, novas para os seus sistemas inmunolóxicos, foron minguando a súa poboación, que está dobremente ameazada ante a carencia de recurso sanitarios. Ademais, residiren en casas comunais complica respectar a "distancia social", chave para deter o contaxio, como o é o uso de xabón para lavar as mans.

Integrismo gobernamental

Ante esta situación, o Goberno brasileiro anunciou finalmente nesta segunda feira (madrugada de onte na Galiza), unha serie de medidas para frear a expansión do virus: a prohibición da entrada de persoas non indíxenas ás súas terras e a distribución de máscaras, luvas, tests e comida.

Comunicouno Damara Alves, ministra da Mulher, da Família e dos Direitos Humanos, que informou dun investimento de 4.700 millóns de reais (827 millóns de euros) até xuño. 

Alves é pastora evanxelista, credo relixioso que foi chave na chegada ao poder de Bolsonaro, e foi protagonista de varias polémicas nestes meses, por exemplo, tras negar a teoría evolutiva. A revista Época publicaba o 31 de xaneiro unha información asegurando que a filla adoptiva de Damares, indíxena kamayurá, fora sacada irregularmente da súa aldea cando tiña seis anos de idade, segundo denunciaron os seu familiares.

Así é que, máis alá da incidencia do virus, as ONG levan tempo denunciando as políticas de Bolsonaro e do seu Gabinete a respecto dos pobos amerindios.

O pasado 23 de xaneiro designaba o seu vicepresidente, o xeneral Hamilton Mourão, coordinador do Conselho da Amazônia. Durante o anuncio aos medios, Bolsonaro declarou que "o índio tá evoluindo, cada vez é mais ser humano igual a nós".

Mourão tamén foi albo da polémica recentemente. O pasado 31 de marzo, aniversario do golpe de Estado de 1964, escribía no Twitter: "Há 56 anos, as FA [Forças Armadas] intervieram na política nacional para enfrentar a desordem, subversão e corrupção que abalavam as instituições e assustavam a população".

O raposo e as galiñas

E o mesmo 5 de febreiro en que abriu as portas á explotación das terras indíxenas, o presidente brasileiro facía oficial a designación do misioneiro evanxélico fundamentalista Ricardo Lopes Dias para dirixir o departamento da FUNAI (Fundação Nacional do Índio) que se encarga de protexer os territorios dos pobos non contactados, "os máis vulnerábeis do planeta", segundo denunciou a organización Survival International.

Ao respecto, esta ONG declarou recentemente: "Pór un misioneiro evanxélico a cargo do departamento de indíxenas illados da FUNAI é como pór un raposo a coidar do galiñeiro". 

comentarios