A Coordinadora peruana de dereitos humanos denuncia violacións masivas por parte do Estado

Asistencia médica a unha muller afectada polo lanzamento de bombas lacrimóxenas por parte da Policía do Perú, esta sexta feira en Lima. (Foto: Luis Javier Maguila)
Defensores dos dereitos humanos conclúen que a represión no Perú trátase dunha "política de Estado".

Un informe presentado na madrugada da sexta feira pola Coordinadora Nacional de Dereitos Humanos do Perú determina que “en 50 días de Goberno da presidenta Dina Boluarte rexistráronse diversos tipos de violacións aos dereitos humanos”, explicou Jennie Dador, secretaria executiva da entidade, que denuncia “altísimos niveis de represión por parte do Executivo”.

A pesar de que o cálculo oficial eleva a máis de 60 as mortes desde o comezo das protestas, o organismo fixa en 56 os óbitos até o de agora, onda 912 persoas feridas. Entre os mortos figuran sete menores de idade.

Para reprimir as protestas, o Estado recorreu a 46 execucións extraxudiciais usando munición e armas prohibidas, como balas e fusís automáticos, amais, a Policía e as Forzas Armadas están a lanzar bombas lacrimóxenas directamente contra o corpo das persoas que se manifestan, algo -en teoría- non permitido, chegando a gasear a procesión fúnebre de dous mozos que decorría de forma pacífica cun gran número de menores de idade. Estas bombas tamén se lanzaron desde helicópteros e afectaron ademais da poboación que protestaba outras persoas que se atopaban no lugar, ao que hai que engadir xornalistas e persoal médico.

Pola súa parte, a Policía torturou presos en varios lugares do país, expoñéndoos a frío extremo e negándolles alimento amais de agredilos e manter a múltiples detidos en condicións “incompatíbeis coa vida humana”, sinala o informe. Mulleres arrestadas relataron asemade abusos sexuais por parte dos axentes e até unha agresión sexual múltiple.

No caso das persoas investigadas por terrorismo, fican fechadas en celas de 2 x 1,5 metros, sen posibilidade de saír en todo o día e sen iluminación artificial. Precisamente terrorismo son para o Gabinete de Boluarte as “accións de protesta”, apoiada por medios de comunicación  que reiteran esta mensaxe e critican as “organizacións en defensa dos dereitos humanos como defensoras de terroristas”.

O Gabinete chegou a “construír unha arquitectura institucional para investigar baixo a lexislación antiterrorista condutas asociadas á protesta social”, apunta o documento, para o que xa foron creadas cinco fiscalías especializadas en terrorismo paralelamente ao recorte de cinco fiscalías de dereitos humanos, o que dificulta “investigar as graves violacións de dereitos humanos perpetradas durante as mobilizacións”, como as ameazas e agresións contra varios integrantes de entidades en defensa dos dereitos humanos.

A Coordinadora incidiu amais en que se están a interceptar comunicacións privadas e a estabelecer vixilancia só por “expresar posicións críticas co Executivo e o Congreso”, a permitir asaltos en vivendas e locais de maneira ilegal por parte das forzas de seguridade así como a infiltración das protestas por parte dos axentes, “favorecendo a impunidade”, e mesmo foron  sementadas probas falsas para inculpar os detidos.

Responsabilidade directa de Boluarte

Malia que Boluarte reitera que a Xustiza do país abordará as mortes nas protestas, “os altos funcionarios do seu Goberno avalan e promoven a actuación das forzas do orde”, chegando a ofrecerlles cartos “para premiar a súa actuación”, o que amosa que “nos atopamos perante liñas dunha política de Estado”.

Esta política está marcada polo racismo das elites peruanas, polo que “non é casualidade que as mortes se produciran nas rexións onde hai poboación indíxena e que até o de agora en Lima non se producira ningunha”.

Pouco despois de que se fixera público o informe o Gabinete de Boluarte aprobou enviar Policía e Exército para acabar cos 88 cortes de estrada de manifestantes ao longo do país contabilizados esta sexta feira.

Renuncia

Dador afirmou que as masivas violacións dos dereitos humanos “demandan unha saída política como a súa renuncia e a convocatoria a novas eleccións xerais”, dúas das reivindicacións das mobilizacións xunto á liberación do ex presidente Pedro Castillo, que alcanzou o poder da man do apoio das zonas máis desfavorecidas do país, e o inicio dun proceso constituínte; posibilidades bloqueadas tanto desde o lexislativo como o xudicial, copados polos conservadores.