A represión deixa 21 mortes no Perú entre disputas polo adianto electoral

Primeiras renuncias no Executivo de Dina Boluarte após a morte de 21 persoas pola represión dos militares e das forzas de seguridade, entrementres o Congreso debate adiantar os comicios xerais.
A Policía fechou Lima onte. (Foto: Connie France)
photo_camera A Policía fechou Lima onte. (Foto: Connie France)

A represión desatada no Perú contra os manifestantes que exixen a liberación do ex presidente Pedro Castillo, a dimisión da mandataria Dina Boluarte, eleccións xerais inmediatas e o inicio dun proceso constituínte acabou, segundo os datos oficiais da sexta feira, coa vida de cando menos 21 persoas, a meirande parte deles por disparos, incluídos dous menores de idade.

As primeiras 24 horas en vigor do estado de emerxencia decretado por Boluarte para que as Forzas Armadas asumisen a seguridade interna xunto á Policía deixaron 12 mortes, ás que hai que engadir en base aos datos da Defensoría do Pobo seis óbitos que atribúe a accidentes de tránsito e feches de estradas. Tamén hai 63 persoas hospitalizadas, 250 feridos civís e 216 entre os axentes policiais.

Múltiples documentos audiovisuais dan conta dos métodos empregados polos militares e as forzas de seguridade para combater as manifestacións, como disparos de fusil directamente contra a cidadanía, lanzamento de bombas lacrimóxenas desde helicópteros, tortura a detidos, agresións indiscriminadas e o uso dos 'ternas', como se denomina aos policías infiltrados nas protestas, acusados de atacar a poboación.

Ao tempo, prohibiron manifestacións pacíficas en distintas prazas do país bloqueando o acceso.

Organizacións de dereitos humanos comunicaron até 147 detencións arbitrarias, con malleiras aos detidos, aos que se obstaculiza o dereito de defensa legal, mentres que a Organización das Nacións Unidas condenou a represión no país.

Esta situación levou a que Patricia Correa e Jair Pérez, ministros de Educación e Cultura respectivamente, presentasen a súa renuncia ao Gabinete formado por Boluarte hai poucos días, solicitando “respecto á integridade física e á vida de cada cidadán”. Pola súa parte, o Executivo estabeleceu o toque de recoller en 15 provincias.

No Congreso, onte continuou por segundo día o debate das propostas para adiantar os comicios, unha para que decorran en decembro de 2023 e outra en 2024, nunha sesión na que os conservadores que dominan o lexislativo intentaron dilatar a decisión para negociar unha reforma constitucional que permita que os deputados poidan ser reelixidos, o que na actualidade está prohibido. “Cero empatía”, concluíu La República, por antepor os seus intereses cando a poboación morre e protesta “exixindo que se vaian todos”.

Finalmente, suspenderon a sesión após non obter a proposta de 2023 votos suficientes para ser aprobada. 

Amais, Castillo acusou os Estados Unidos de estar detrás da militarización das rúas no Perú, poucas horas despois de que a Xustiza dominada polos conservadores estendera a súa detención provisional 18 meses.

Comentarios