NA BRETAÑA

Convocan unha concentración en Lorient, Bretaña, na defensa do carácter nacional da Galiza

Este sábado, ás 15:30, diante da Casa do Concello desta cidade bretoa. O independentismo bretón critica a rebaixa a “territorio” que a Xunta fai da cualificación de “nación” que o Festival Intercéltico de An Orient dá ao noso país. Defende que Galiza e Bretaña non son “territorios” nin “rexións” senón “nacións sen estado”.

Morbihan (56): Le port de Lorient
photo_camera Lorient

A decisión da Xunta de rebaixar a “territorio” a cualificación que o Festival Intercéltico de Lorient dá a Galiza non só xerou malestar e rexeitamento no noso país. Tamén en Bretaña, Breizh, país onde ten lugar o coñecido festival do mundo celta, esa decisión do goberno de Feixoo causa malestar en certos sectores.

Desde o soberanismo bretón séntense “indignados” por un novo exemplo dunha política que non é casual, sinalan: os gobernos da Galiza e Bretaña non recoñecen ambos os dous pobos como nacións. “Estamos cansos de discursos, tanto na Galiza como na Bretaña, que nos presentan como simples territorios ou rexións”, indica Breizhistance nun comunicado nas redes.

breizh galizaNeste sentido, denuncian que a televisión francesa "borrou"  do desfile das nacións celtas do Festival de Lorient calquera pancarta reivindicativa a favor da unidade territorial de Bretaña, "noutra manifestación desa propensión a presentarnos como simples provincias celtas", e non como nacións sen Estado.

Comunicado a través do que convocan unha concentración este sábado, 10 de agosto, ás 15:30 en Orient, diante da Casa do Concello, para “rexeitar” o posicionamento de Xunta e Consello Rexional de Bretaña, e defender o dereito á autodeterminación. “Polo dereito a decidir” é unha das chamadas desta convocatoria.

Comentarios