O Congreso votará esta quinta feira a eliminación do termo "diminuídos" da Constitución

Aprobada a toma en consideración da iniciativa de PSOE e PP.
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, durante o Pleno de hoxe. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera A presidenta do Congreso, Francina Armengol, durante o Pleno de hoxe. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Pleno do Congreso español aprobou hoxe co apoio de todas as formacións con representación, agás a ultraespañolista Vox, a toma en consideración da proposta pactada entre o PSOE e o Partido Popular (PP) para mudar o termo “diminuído” da Constitución estatal por “persoas con discapacidade”, amais doutras modificacións no mesmo artigo, o 49 da Carta Magna.

Na sesión deuse luz verde á súa tramitación polo procedemento de lectura única, polo que se prevé a súa aprobación mañá na Cámara Baixa, que remitirá o texto ao Senado para o aval definitivo. Aínda que PSOE e PP, que controlan a meirande parte dos asentos do lexislativo, acordaron non aceptar emendas, Sumar, a póla minoritaria do Goberno de coalición co PSOE, anunciou que presentará dúas propostas de modificación.

A reforma, impulsada en 2018 polo Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade, foi celebrada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), Sumar ou Podemos. O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu amais “políticas públicas que garantan a igualdade”.

Pepa Millán, voceira de Vox no Congreso, anunciou a abstención da formación aducindo que a “reforma constitucional está envolta dunha grande hipocrisía que só busca branquear neste momento todo o que está a facer o Goberno”.

Aparte do PSOE e o PP ningunha formación conta con 10% dos asentos en ningunha das Cámaras, o mínimo requirido para que a reforma se someta a referendo. Esta sería a terceira reforma da Constitución española após a de 1992, para adaptala ás exixencias do Tratado de Maastricht da Unión Europea (UE), e a de 2011, para limitar o déficit do Estado en liña coas reclamacións de Bruxelas. Ambas as dúas contaron co apoio de PSOE e PP.

Comentarios