O Congreso volverá investigar o accidente de tren en Angrois

Cando pasaron máis de oito anos desde o accidente ferroviario de Angrois, o Congreso aproba reabrir a comisión de investigación parlamentar para esclarecer que aconteceu. Néstor Rego (BNG) defende que a comisión é imprescindíbel para forzar que se desenvolva unha investigación independente.
Manifestación de vítimas e familiares do accidente decorrida en Compostela no mes de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Manifestación de vítimas e familiares do accidente decorrida en Compostela no mes de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

80 persoas morreron e máis de 140 resultaron feridas no accidente do 24 de xullo de 2013 en Angrois (Compostela). Máis de oito anos despois, o Congreso aprobou esta quinta feira a reapertura da comisión de investigación, logo dunha proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e EH Bildu.

“Estamos coas vítimas e familiares cando reclaman verdade, xustiza e reparación, e iso non vai ser posíbel até que se esclarezan todas as circunstancias sobre o accidente, e para iso estamos aquí”, sinalou o deputado do BNG, Néstor Rego, na defensa da iniciativa.

Rego lembrou a primeira comisión de investigación, entre 2018 e 2019, aberta “tras varios intentos de bloqueo”, que se disolveu antes de aprobar as conclusións pola convocatoria de eleccións estatais.

O deputado nacionalista criticou a falta dunha investigación técnica independente, cuestionando o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, un organismo dependente de Fomento, e o comportamento de Adif, que gastou 15.000 euros en asesorar, “ou deberíamos dicir adoutrinar”, incidiu, as persoas que compareceron na primeira comisión parlamentar.

Asemade, fixo fincapé na declaración dun técnico de Talgo que recoñeceu que directivos de Renfe deran a orde de borrar todas as avarías da base de datos media hora despois do accidente, polo que reiterou a necesidade de desvelar que aconteceu realmente. “Debémosllo ás vítimas, aos familiares, e ao resto da sociedade”, concluíu.

Tanto PSOE como Unidas Podemos comunicaron no hemiciclo o seu apoio á proposta, o que tamén fixo Ciudadanos. No que atinxe ao Partido Popular, no Goberno estatal naquela altura, o deputado Celso Luis Delgado sostivo que non van aceptar un “xuízo paralelo”. Todas as forzas políticas agás PP e Vox votaron a favor da iniciativa.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza situou a comezos de 2022 a apertura do xuízo oral. Amais, a Comisión Europea mantén aberto un proceso infractor en contra do Estado por non investigar axeitadamente.

Comentarios