martes 09/03/21
O decreto amplía o acceso ao Ingreso Mínimo Vital

O Congreso aproba pola mínima o complemento á pensión de maternidade

Por tan só catro votos salvou esta quinta feira o Goberno de coalición o decreto que aproba un novo complemento á pensión de maternidade e amplía o acceso ao Ingreso Mínimo Vital. Non é a primeira vez que PSOE e Podemos logran salvar pola mínima as súas propostas, agora fano ademais con tensións agravadas no seu seo.
Banca do Partido Socialista, hoxe no debate do decreto sobre o complemento de maternidade. (Foto: E. Parra / Europa Press)
Banca do Partido Socialista, hoxe no debate do decreto sobre o complemento de maternidade. (Foto: E. Parra / Europa Press)

O Congreso validou por catro votos de diferenza o decreto polo que se aproba un novo complemento á pensión por maternidade e que facilita o acceso ao Ingreso Mínimo Vital (IMV) de colectivos vulnerábeis. Votaron a prol PSOE, Podemos, Junts, BNG, Compromís; e optaron polo 'non' PP, Vox, Cs e PNV. "Trátase dunha política máis xenerosa, máis progresiva e mellor deseñada para corrixir a fenda de xénero nas pensións no medio e longo prazo. Cun incremento orzamentario adicional de 40 millóns, ampliamos 30% o número de beneficiarias e concentramos o efecto nas rendas máis baixas", explicou esta quinta feira o ministro José Luis Escrivá. Segundo puntualizou, "para as pensións de menos de 12.600 euros, o incremento é de 80%, mentres que para o resto de tramos permanece con escasos cambios".

Afirmou tamén que co decreto poderán acceder ao IMV os 60.000 fogares aos que se lle denegou por non cumprir o requisito de unidade de convivencia, facilitando agora o acceso a "persoas con residencia itinerante, sen fogar, temporeiros ou que comparten vivenda". O decreto tamén recoñece a Covid-19 como enfermidade profesional no persoal sanitario.

Desde o PP expresaron a súa oposición porque, ao seu xuízo, prexudica as mulleres con dous fillos e as familias numerosas. O BNG mostrou o seu apoio pese a non lles convencer o decreto, pois a proposta do Bloque é subir as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional para acabar "coa fenda territorial e de xénero". ERC, Bildu e CUP abstivéronse, reclamando "respecto competencial" e advertindo de que o novo complemento de maternidade é "moi cativo".

Non é a primeira vez que o Executivo aproba pola mínima un decreto. Hai pouco foi a abstención sorpresa de Vox a que deu luz verde ao decreto dos fondos europeos. Ao Executivo cústalle cada vez máis reter o apoio das forzas que permitiron a investidura, e as tensións medran no seo do Goberno entre PSOE e Podemos, agravadas coa lei Trans e coas críticas de Pablo Iglesias a eivas democráticas do Estado, no medio das mobilizacións de protesta pola detención de Pablo Hasel. 

O PSOE gaña vantaxe sobre Casado após as confesións de Bárcenas

O barómetro de opinión realizado en febreiro polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) volve situar o PSOE á cabeza, que gañaría as eleccións se fosen hoxe cunha estimación de voto de 30,7%, mesma puntuación que recibiu no estudo de xaneiro. Iso si, agora ampliaría a case 12 puntos porcentuais a súa vantaxe sobre o PP, que queda en 18,8%, tras baixar case dous puntos nun mes.

En terceiro lugar sitúase Vox (13,6%), con medio punto máis que no mes anterior; seguido de Unidas Podemos (11,2%), con medio punto máis que en xaneiro. Iso si, segue por baixo do 12,84% que obtivo nas últimas eleccións estatais.

Ciudadanos repite na quinta posición con 9,3%, mesma porcentaxe que en xaneiro. No campo do nacionalismo, a forza que sobe é o BNG, que aumentaría a 0,7% en intención de voto, 2 puntos porcentuais máis que no mes anterior.

comentarios