Comezan as votacións nos comicios rexionais na Federación de Rusia

Ucraína e os Estados Unidos critican que as eleccións decorran no Donbás, Khersón e Zaporijia.
Bruno Rodríguez. (Foto: ONU)
photo_camera Bruno Rodríguez. (Foto: ONU)

En 54 das máis de 80 rexións rusas, o electorado comezou a sexta feira a votar para elixir liderados rexionais, Parlamentos rexionais e municipais e catro integrantes da Cámara Baixa, mentres que noutras os comicios decorrerán só o domingo, informou a axencia rusa Tass.

As eleccións parlamentarias tamén se desenvolven en Donetsk, Luhansk, Zaporijia e Khersón, incorporadas a Rusia en 2022 após referendos non recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas (ONU) no marco da guerra en Ucraína. Nas zonas de difícil acceso e perto da liña da fronte en Donetsk e Zaporijia, onde se están a producir nestes momentos os principais combates no conflito, as votacións comezaron o 31 de agosto.

Ucraína criticou as votacións nestas rexións e reiterou que “non teñen ningún valor nin terán consecuencias legais”, considerándoas unha “farsa” e unha violación da “soberanía e a integridade territorial de Ucraína”. O principal aliado ucraíno, os Estados Unidos, condenaron tamén o proceso electoral, reiterando que é un “exercicio de propaganda”.

No que atinxe á contraofensiva ucraína, lanzada tras recibir máis de 70.000 millóns de euros en armamento por parte da Organización do Tratado do Atlántico Norte, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, insistiu en que lograrían máis avances se lles enviasen armas máis poderosas, logo de apenas conseguir avanzar neste período.

Asemade, Cuba anunciou a detención de 17 persoas no marco da desarticulación dunha rede que recrutaba mercenarios para combater a favor de Rusia na guerra. 14 deles admitiron terse incorporado ás tropas rusas “a cambio da residencia no país euroasiático e unha substancial retribución monetaria”, publican medios locais.

O titular de Exteriores, Bruno Rodríguez, reafirmou que Cuba conta cunha “firme e clara posición histórica en contra do mercenarismo”.

No lado contrario, a canle Euronews fíxose eco da existencia dunha empresa española que cobra 700 euros por preparar mercenarios para combater nas filas do Exército ucraíno, co gallo de que unha vez contratados por Kíiv poderán cobrar até 3.400 euros mensuais de ser elixidos para algunha unidade de elite.

Ao ser interrogado sobre as posibilidades de que a India encabece unha iniciativa de paz en Ucraína como a impulsada pola China, o Brasil ou os países africanos, o secretario xeral da ONU, António Guterres, remarcou que “non teño moitas esperanzas” de que iso aconteza no “futuro inmediato”, apuntando que “creo que as dúas partes resolveron polo de agora seguir adiante co conflito” en Ucraína.

Comentarios