Comeza o xuízo por abuso de poder do ministro de Xustiza de Francia, que o podería levar cinco anos a prisión

Trump declara por fraude empresarial cando está á cabeza das enquisas.
O ministro de Xustiza francés, Éric Dupond-Moratti. (Foto: Europa Press / Contacto / Alexis Sciard)
photo_camera O ministro de Xustiza francés, Éric Dupond-Moratti. (Foto: Europa Press / Contacto / Alexis Sciard)

Hoxe comeza o xuízo contra o actual ministro de Xustiza de Francia, Éric Dupond-Moratti, por presunto abuso de poder, tras ser acusado de ordenar investigacións contra maxistradas e maxistrados que dirixiron pescudas contra el, persoas achegadas ou antigos clientes da época na que se desempeñaba como avogado.

No caso de ser condenado culpábel polo Tribunal de Xustiza da República a sentenza podería elevarse a cinco anos de prisión e medio millón de euros de multa. O xuízo está previsto que remate o 17 de novembro.

Un sistema xudicial debilitado

“As nosas organizacións consideran que esta situación dana a credibilidade do ministro de Xustiza e, de feito, debilita todo o sistema de Xustiza”, sostiveron os sindicatos de xuízas e xuíces.

A pesar das críticas recibidas por negarse a dimitir ou apartarse temporalmente do cargo durante o proceso xudicial, Dupond-Moratti decidiu permanecer como supervisor do sistema xudicial. É a primeira vez na historia moderna do país que un ministro é xulgado mentres está no posto.

Trump declara por fraude fiscal

Ademais, o ex presidente entre 2017 e 2021 dos Estados Unidos, Donald Trump, declara hoxe diante dun tribunal de Nova York no marco das investigacións por inflar o patrimonio das súas empresas, o que lle tería permitido sobrevalorar o seu patrimonio persoal en máis de 3.300 millóns de euros para reducir o volume dos impostos que tiña que pagar.

O seu testemuño chega pouco despois de que o xornal The New York Times divulgara unha serie de enquisas en seis Estados chave de cara ás eleccións presidenciais de 2024, nas que previsibelmente Trump enfrontará o actual presidente Joe Biden. O ex mandatario lideraría as votacións en cinco deses territorios, que nos anteriores comicios votaron maioritariamente por Biden.

Comentarios