venres 24/09/21

Comeza a semana chave da mesa de diálogo bilateral Catalunya-Estado

Aínda non está confirmada a data nin a presenza de Pedro Sánchez na xuntanza da mesa de diálogo bilateral prevista esta semana, defendida como unha ferramenta para alcanzar a amnistía e a autodeterminación desde o Goberno catalán, extremo que o Executivo estatal nega.
Primeira xuntanza da mesa de diálogo presidida por Quim Torra (Catalunya) e Pedro Sánchez (Estado), o 26 de febreiro de 2020. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Primeira xuntanza da mesa de diálogo presidida por Quim Torra (Catalunya) e Pedro Sánchez (Estado). (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A vindeira quinta ou sexta feira decorrerá en Barcelona a segunda xuntanza da mesa de diálogo bilateral entre Catalunya e o Estado, máis dun ano e medio despois da primeira -con Quim Torra (Junts) coma presidente- e aínda coa resaca da Diada Nacional do pasado sábado, que reuniu máis de 400.000 persoas nas rúas da capital catalá segundo a Assemblea Nacional Catalana (ANC).

Desde o Goberno estatal reitéranse as mensaxes de que a amnistía e a autodeterminación non van formar parte das reunións, a última vez esta segunda feira, por medio de Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que apuntou que “a Generalitat ten que saber que non pode propor nesta mesa cousas que non podemos acceder a dar”, por situarse fóra da Constitución.

Porén, o presidente de Catalunya, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), tamén lembrou no seu discurso oficial pola Diada que o referendo é “un compromiso democrático de todo irrenunciábel”.

Asemade, a mesa de diálogo é “unha negociación co Estado, de Goberno a Goberno, para abordar como resolvemos o conflito”, sostivo, facendo énfase en que as dúas partes asumen que o resultado das negociacións terá que ser ratificado pola cidadanía catalá.

Malia a posición oficial do Executivo español, o ministro de Cultura e Deporte e primeiro secretario do Partit dels Socialistes de Catalunya, Miquel Iceta, coincidiu con Aragonès en que a cita é para dar unha solución a un “conflito político”.

Amais, ao ser cuestionado sobre a asistencia do presidente estatal, Pedro Sánchez, que aínda non foi confirmada, o ministro salientou que “lembra as conversas de paz despois da guerra de Vietnam, na que se estivo a discutir moito tempo se a mesa era redonda, cadrada ou octogonal.”

Deixando a unha beira a incógnita da participación de Pedro Sánchez, que na Generalitat se considera o normal, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, confirmou o domingo que polo Estado participarán ministros coma Isabel Rodríguez (Política Territorial), Miquel Iceta, Raquel Sánchez, Manuel Castells (Universidades), Yolanda Díaz (Traballo e Economía Social e vicepresidenta segunda) e el mesmo.

Pola súa banda, Unidas Podemos, socio minoritario da coalición gobernamental, sinalou esta segunda feira por medio do seu voceiro no Congreso, Pablo Echenique, que estarían abertos a valorar a opción dun referendo “a longo prazo”, mais optando polo de agora por unha ampliación das competencias autonómicas.

No plano político catalán, nin a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) nin Junts, socio parlamentar e integrante do Goberno catalán respectivamente, comparten a aposta de ERC pola mesa de diálogo.

A presidenta do Parlament, Laura Borràs (Junts), indicou poucas horas antes da Diada que a mesa de diálogo é “un slogan que dura ano e medio, non hai unha soa concreción e tampouco nada en perspectiva que non sexa o fracaso”.

Mireia Vehí, voceira da CUP no Congreso, destacou onte que se a amnistía e a autodeterminación non están na orde do día, redúcese a unha “especie de negociación para falar de infraestruturas".

O aeroporto do Prat volve estar enriba da mesa de negociación

A titular do Ministerio de Transportes anunciara a finais da semana pasada a suspensión do investimento de 1.700 millóns de euros na ampliación do aeroporto Josep Tarradellas Barcelona-El Prat, movemento cualificado coma “chantaxe” por parte de Aragonès, que denunciou o intento de que aceptaran un proxecto no que se contemplaba unha afectación de case 50 hectáreas na Ricarda, un espazo natural protexido pola Unión Europea.

Ben que Raquel Sánchez afirmara que até a vindeira lexislatura non se podería recuperar o proxecto, prazo que desde a administración de Aena se estendeu a cinco anos, a ministra declarou onte que é “lóxico” que se recupere o asunto na mesa de diálogo, e matizando que “non é o foro” para iso, incidiu en que “semella que é un tema que sairá”.

comentarios