O indulto ás presas e presos políticos cataláns abre a porta á mesa de diálogo Estado-Catalunya

A resolución dos indultos ás presas e presos políticos cataláns achega a posibilidade de activar a mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya, cuxa primeira reunión Aragonès prevé para o verán. Ao tempo, algúns dirixentes do PSOE esporeados polo ex presidente Felipe González súmanse á campaña do PP.
Pere Aragonès sae do cárcere de Was Rad (Barcelona) despois de visitar Carme Forcadell. (Foto: Ana Belén Morant / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès sae do cárcere de Was Rad (Barcelona) despois de visitar Carme Forcadell. (Foto: Ana Belén Morant / Europa Press)

O cada día máis previsíbel indulto ás presas e presos políticos cataláns está creando as condicións de distensión que se viñan reclamando desde Catalunya para avanzar na mesa de diálogo bilateral co Estado.

O novo presidente catalán, Pere Aragonès, sinalou que “os independentistas nunca nos teriamos que erguer da mesa de negociación”, e que “non lle imos pór barato ao Estado pasar esta pantalla para ir á da forza, onde está cómodo”, salientou nunha entrevista en TV3.

Aragonès apelou a insistir para que “os demócratas españois vexan que só a través dun referendo pode haber solución ao conflito”, e por iso pediu apostar polo “acordo nacional pola amnistía e a autodeterminación”. Desde hai días o novo president reitera que aínda que a amnistía é imprescindíbel, os indultos axudarían a calmar a dor pola represión practicada polo Estado.

O lendakari, Iñigo Urkullu, defendeu hoxe que os indultos ás presas e presos políticos cataláns son dos “máis xustificados” dos que se produciron nas últimas catro décadas, e poderían achegar a “unha convivencia futura baseada no diálogo político”.

Desde o Goberno do Estado, a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, destacou que a aposta do Executivo é “incorporar a Catalunya o marco constitucional e evitar a ruptura”. Tamén avalou os indultos Salvador Illa, secretario xeral do PSC.

Porén, xa xurdiron as primeiras fendas dentro da forza socialdemócrata, co presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, e o de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, encabezando as críticas, esporeados polas declaracións en contra da medida de Felipe González, ex presidente do Estado.

Pola súa banda, o PP, por medio do seu secretario xeral, Teodoro García Egea, anunciou que presentarán mocións en contra do indulto nos concellos do Estado, despois de advertir que irán ao Tribunal Supremo ao producirse os indultos, o que segundo fontes recollidas por Europa Press non se producirá antes da terceira semana de xuño.

Rego critica o informe do Supremo por "criterios antidemocráticos"

O Tribunal Supremo defende “criterios antidemocráticos” lonxe da “neutralidade política”, salientou esta quinta feira na cámara baixa Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, despois de coñecerse o informe do tribunal en contra de conceder os indultos ás presas e presos políticos cataláns pola súa falta de arrepentimento.

Rego amosouse sorprendido polo sentido da resolución despois de que o mesmo Supremo apoiara o indulto a persoas que entraron “disparando no Congreso”, como Antonio Tejero, "iso si son verdadeiros golpistas”, afirmou Rego. Aínda que expresou o seu apoio á petición do independentismo catalán de amnistía acompañada dun referendo de autodeterminación, resolveu que “o lóxico é que se produzan eses indultos”, e explicou que cando un problema político se acomete pola vía xudicial, sempre se “enquista”.

Comentarios