Voces do PSOE apostan por un sucedáneo de referendo

A reivindicación de "amnistía e autodeterminación" defendida polo Goberno catalán e polos independentistas que acaban de saír da prisión despois dos indultos está sendo contestada desde unha póla do PSOE coa defensa dun referendo consultivo para ratificar os acordos da mesa de diálogo.
Miquel Iceta chegando a cuarta feira á xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Miquel Iceta chegando a cuarta feira á xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O presidente do País Valencià, Ximo Puig, foi quen abriu a lata a cuarta feira mentres en Madrid decorría a sesión de control no Congreso, sinalando que o referendo de autodeterminación defendido desde o Goberno de Catalunya “non cabe na Constitución”, mais “si caben outro tipo de referendos e hai outras maneiras de plebiscitar sobre unha solución”.

Na mañá desta quinta feira foi o Ministro de Política Territorial e Función Pública e primeiro secretario do PSC, Miquel Iceta, que sostivo que se tería que votar en referendo consultivo “un grande acordo sobre autogoberno, financiamento e participación das comunidades autónomas no deseño das políticas do Estado”, unha vez que a mesa de diálogo bilateral entre o Estado e Catalunya chegue a algún acordo.

“Non é tan importante o que se poña sobre a mesa senón a vontade de achegar posicións e que cheguemos a unha solución que poida satisfacer de forma razoábel unha maioría”, defendeu, antes de prever que o pacto no seo dun “instrumento específico” como a mesa de diálogo vai ser adiada no tempo.

En Catalunya hai “uns problemas de financiamento que todo o mundo acepta”, explicou Iceta, que recoñeceu o lastre que supón a carencia de estruturas federais, “que é o que permitiría compaxinar o autogoberno co Goberno compartido”.

Ademais, amosouse confiado en que isto é o inicio “dun camiño que nos debe levar a un Estado verdadeiramente federal”.

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira e ministra de Memoria Histórica, Carmen Calvo, reiterouse na posición de Pedro Sánchez onte no Congreso, abrindo a porta a "todo o que poida estar no marco da legalidade constitucional”. 

"Haberá referendo"

Desde Catalunya, o presidente Pere Aragonès mantivo que "haberá un referendo" de autodeterminación para que "decida a xente", despois da visita de Oriol Junqueras, Carme Forcadell, Raül Romeva e Dolors Bassa á secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, que se atopa exiliada en Xenebra (Suíza) desde 2018.

Comentarios