O Goberno catalán rexeita a "chantaxe" estatal para ampliar o aeroporto do Prat

O proxecto non se recuperará nesta lexislatura, indica o Ministerio de Transportes, porén, o Goberno catalán incide en que o Goberno estatal só quere premer para que acepten unha iniciativa que afectaría ao espazo natural da Ricarda.

Avión despegando do aeroporto de Barcelona-El Prat con parte do espazo natural da Ricarda en primeiro plano. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Avión despegando do aeroporto de Barcelona-El Prat con parte do espazo natural da Ricarda en primeiro plano. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Catalunya non vai aceptar a “dinámica de chantaxe na que nos poñen a pistola no peito e din: ou se esnaquiza La Ricarda [espazo natural protexido pola Unión Europea] ou non se mellora o aeroporto”, asegurou esta quinta feira o presidente da Generalitat, Pere Aragonès.

Apenas poucas horas antes, no serán da cuarta feira, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, anunciaba que o Executivo estatal decidira suspender o investimento de 1.700 millóns de euros previsto para ampliar o Aeroporto Barcelona-El Prat Josep Tarradellas, localizado nos concellos do Prat de Llobregat, Viladecans e Sant Boi.

Esta obra fora acordada o 2 de agosto entre os Gobernos de Catalunya e o Estado español.

A ministra acusou o gabinete de Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya) de non ter “unha decisión madura” sobre a cuestión, sinalando que non se pode avanzar nun proxecto deste tipo sen “un apoio nítido e sen fisuras”. Xa a quinta feira, apuntou Sánchez que nestas condicións é imposíbel aprobar o Documento de Regulación de Aeroportos (Dora) -no que se detallan os investimentos do período 2022-2026- coa ampliación antes do 28 de setembro, que marcou como a data límite para programar unha obra que tería rematado en 2031. Asemade, reiterou que “non hai marxe para facelo nesta lexislatura”.

Estas declaracións sumáronse ás do presidente de Aeroportos Españois e Navegación Aérea (Aena), que indicou que até “dentro de cinco” anos non se poderá programar de novo o debate, e só no caso de que “as circunstancias en Catalunya cambiasen e houbese un substrato político que vise máis axeitado este investimento”.

Manobra de presión

O presidente catalán desacreditou a ministra de Transportes, e desvelou que o acordo do 2 de agosto regulaba que a ampliación do aeródromo acabaría de concretarse nos vindeiros dous anos, e non no Dora de setembro. Este tempo, mantivo, viña da necesidade de mellorar a infraestrutura sen que o entorno natural da Ricarda sufrise afectacións.

Aragonès definiu o comportamento do Goberno do Estado como unha “manobra de presión para que o Govern acepte sen crítica e sen posibilidade de facer ningunha emenda” o proxecto de Aena, o que demostra a “falta de vontade crónica do Estado a investir en Catalunya”.

Para o titular da Presidencia catalá, o Estado está a difundir escusas para agochar as divisións internas entre PSOE e Unidas Podemos, e a súa falta de consenso nas coalicións que forman nos concellos de Barcelona e El Prat, así como no Consello de Ministros.

Debate interno

Pouco despois de facerse pública a decisión do Executivo presidido por Pedro Sánchez, o vicepresidente da Generalitat, Jordi Puigneró (Junts), atacou a súa “nova deslealdade” por decidir de “maneira unilateral” a suspensión do investimento.

Porén, tamén responsabilizou ERC da situación pola “confusión” xerada arredor da obra, incidindo en que “infraestruturas tan importantes” non se poden cuestionar nin tratar con "frivolidade".

La Ricarda, unha zona húmida protexida pola UE

A ampliación do aeroporto proposta polo Goberno do Estado acabaría con 47 hectáreas do entorno natural, situado no delta do río Llobregat e protexido pola Unión Europea.

A zona tamén acolle a Casa Gomis e está recoñecida como Ben de Interese Cultural.

O ex vicepresidente catalán, Oriol Junqueras (ERC), defendeu  que o Executivo estatal sabía que a UE non permitiría o proxecto polo impacto en zonas protexidas.

Comentarios