Colombia suspende o alto o fogo co ELN e trata de consolidar o proceso de paz

A confusión reina en Bogotá mentres Petro pugna por estabilizar un proceso de paz que quedou tocado polo comunicado do ELN no que nega un acordo co Goberno para o cesamento de hostilidades bilateral anunciado.
O ministro de Interior e voceiro do Goberno de Colombia, Alfonso Prada, trasladou a decisión gobernamental a cuarta feira. (Foto: Presidencia de Colombia)
photo_camera O ministro de Interior e voceiro do Goberno de Colombia, Alfonso Prada, trasladou a decisión gobernamental a cuarta feira. (Foto: Presidencia de Colombia)

Despois dunha reunión que se estendeu durante boa parte da madrugada, Alfonso Prada, ministro de Interior e voceiro do Executivo de Colombia que dirixe Gustavo Pedro, trasladou a cuarta feira que o Goberno decidiu suspender o decreto que recollía o alto o fogo bilateral co Exército de Liberación Nacional (ELN).

Así e todo, Prada incidiu en que convidan a guerrilla a unha “tregua verificábel” no transcurso do debate sobre esta cuestión, e avalan a proposta do ELN de que o cesamento de hostilidades provisorio sexa debatido nas negociacións de paz co Gabinete que se reactivarán en México a finais deste mes.

Mentres isto non aconteza “as forzas militares e a Policía” poderán manter as operacións contra a guerrilla, explicou o ministro, que instou a profundar na vontade de “paz total” tras saltar a alarma a terza feira, cando se fixo público un comunicado da guerrilla no que apuntaba que “non pode aceptarse como acordo un decreto unilateral do Goberno”, asegurando que “entendemos o decreto como unha proposta para ser examinada no seguinte ciclo” de conversas.

Amais, reivindicou que non se acordou nada ao respecto e que se remiten ao diálogo en México, algo que confirmou o responsábel gobernamental das negociacións de paz, Otty Patiño. “O ELN só cumpre o que se discute e acorda na mesa de diálogo”, reiterou a guerrilla.

Isto desencadeou a xuntanza urxente entre Petro, Prada, o ministro de Defensa, Iván Velásquez, e o Alto comisionado para a Paz, Danilo Rueda.

En primeira instancia, o Executivo de Colombia difundiu o contido do decreto, no que se indica que o Alto comisionado para a Paz ratificou que “as comunidades existentes no territorio no que fai presenza o ELN fixeron chamamentos públicos e privados ao Goberno nacional para que decrete un cesamento ao fogo”.

Ademais, Prada explicou que a decisión gobernamental respondeu ao alto das hostilidades unilateral do ELN o 19 de decembro, no que a guerrilla pediu que "o Goberno actuase en consonancia coa súa vontade de paz e estudase a posibilidade dun alto o fogo bilateral", publica El Tiempo.

Prosigue o acordo con catro grupos armados

A pesar da suspensión do decreto referente ao ELN, mantéñense os outros catro acordos con dúas guerrillas e dúas organizacións paramilitares, que corroboraron o seu compromiso co cesamento de hostilidades bilateral anunciado por Petro o 31 de decembro, e que, sen prexuízo de que se acabe por prorrogar, foi fixado até o 30 de xuño.

Con respecto a estes grupos, Prada incidiu en que a aposta polo alto o fogo “está apoiada polo secretario xeral de Nacións Unidas, a Conferencia Episcopal colombiana, a Defensoría do Pobo, o Consello Mundial de Igrexas e a comunidade internacional”.

Aínda que o Gabinete procura transmitir calma, a situación xerada puxo en dúbida a estratexia de “paz total” impulsada polo mandatario progresista, e que fora moi cuestionada polos conservadores, no que xa se converteu “nunha proba de lume para a credibilidade dun proceso que fai parte da columna vertebral do seu Goberno”, indica El Espectador, que define como “apresurado o anuncio”.

O director da Fundación Paz e Reconciliación, León Valencia Agudelo, afirmou que “é un sinal de improvisación e descoordinación”, entrementres, o editorial de El Nuevo Siglo fai fincapé en que informar de puntos non acordados é “estrafalario e nocivo para a boa marcha de calquera proceso de paz”.

Asasinatos contra líderes sociais

Unha líder sindical colombiana, Mariela Reyes Montenegro, foi asasinada a tiros na madrugada de onte no departamento do Cauca, onde se desempeñaba como dirixente do Sindicato de Traballadores de Servizos Públicos. “Exiximos que este feminicidio non se converta nunha cifra máis de impunidade contra as mulleres”, subliñou a entidade.

Coa súa morte xa son dúas as líderes sociais asasinadas en 2023.

Comentarios