Petro suspende o alto ao fogo coa guerrilla colombiana só tres días após asinalo

O presidente colombiano, Gustavo Petro, convocou esta cuarta feira á primeira hora unha reunión de urxencia para examinar o acontecido e, ao termo deste encontro, o ministro do Interior, Alfonso Prada, confirmou ante os medios que o decreto publicado apenas unhas horas antes sobre o cesamento do fogo "non produce ningún efecto xurídico".
O presidente de Colombia, Gustavo Petro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O presidente de Colombia, Gustavo Petro. (Foto: Nós Diario).

O Goberno de Colombia decidiu "suspender" o alto ao fogo bilateral co Exército de Liberación Nacional (ELN), despois de que a guerrilla advertise na terza feira de que non había ningún consenso para pór en pausa as actividades armadas de ambas as partes.

O presidente colombiano, Gustavo Petro, convocou esta cuarta feira á primeira hora unha reunión de urxencia para examinar o acontecido e, ao termo deste encontro, o ministro do Interior, Alfonso Prada, confirmou ante os medios que o decreto publicado apenas unhas horas antes sobre o cesamento do fogo "non produce ningún efecto xurídico".

Acompañado polo ministro de Defensa, Iván Velásquez, e o Alto Comisionado para a Paz, Danilo Rueda, Prada explicou que as Forzas Armadas "conservan a plenitude das facultades" na ofensiva contra os guerrilleiros, o que abre a porta a novas medidas até que haxa algún tipo de pacto.

"Dar o tempo necesario"

O Goberno quere "dar o tempo necesario" para acordar na mesa de diálogo co ELN os protocolos que deberían rexer esa posíbel tregua.

Unha vez estas medidas estean "totalmente acordadas", entrará en vigor o decreto de cesamento do fogo, explicou o ministro.

No inicio deste ano 2023, Petro lograba o que parecía un fito histórico ao lograr o alto ao fogo entre o Goberno e os diferentes grupos armados polo menos de maneira parcial e até o 30 de xuño.

Tan só tres días despois, o presidente colombiano viuse obrigado a revogar esta decisión.

Comentarios