Análise/Sermos329

Os coletes amarelos animan a esquerda alternativa alemá a tomar as rúas

A onda expansiva dos coletes amarelos, o informe e acéfalo movimento social que está a pór contra as cordas Emmanuel Macron, ten todo o aspecto de estar a piques de saltar as fronteiras do hexágono galo. Sahra Wagenknecht, líder da plataforma esquerdista alemá Aufstehen (Erguerse), promete moita acción nas rúas neste 2019. 

coletes
photo_camera Os coletes amarelos. Foto: cedida.

"Temos grandes planos para 2019. Sabemos que, cando a xente sae ás rúas a protestar, calquera mudanza política pode acontecer, sobre todo cando participan persoas que redescobren a súa voz política após moitos anos de non a erguer”.

Quen así fala é a carismática líder da esquerda alternativa alemá Sahra Wagenknecth, principal referente do movimento Aufstehen (Erguerse), unha plataforma que tomou corpo o pasado mes de setembro e que pretende liderar a recomposición da esquerda de tradición marxista na principal potencia europea.

Wasgenknecth, que fixo estas declaracións no curso dun encontro cos meios en Berlín realizado o pasado 2 de xaneiro, pensa que desta volta si hai condicións obxectivas para avanzar. E cando fala de avanzar non fala de conseguir tres ou catro escanos máis no Bundestag, senón de provocar un profundo abalo nas estruturas políticas do país. Unha mudanza desde abaixo, a iso apela o nome da plataforma, Aufstehen, Erguerse. A se pór en pé para transformar radicalmente as cousas.

Wasgenknecth olla para Francia e ve no movimento dos coletes amarelos o comezo de algo, dunha transmutación, tamen da política convencional. A idea sería que a clave das mudanzas sistémicas non a teñen tanto os partidos políticos, como a propia auto-organización da sociedade. Eis o exemplo dos coletes amarelos, un movimento que desde novembro pasado pon en xaque a un Emmanuel Macron que gañou as eleccións presidenciais grazas a representar unha emenda á totalidade, no plano retórico, ao establishment político tradicional do país. 

Macron foi votado masivamente porque foi visto como un renovador, como alguén que vén fóra da política para mover os marcos e mudalo practicamente todo. Non é un fenómeno estritamente galo. Donald Trump tamén gañou as presidenciais (ben, en voto popular perdeu, mais esa é outra historia) apresentándose a si propio como un candidato  totalmente alleo á elite de Washington.

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos329, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios