Un militar estadounidense entra en Corea do Norte sen permiso. Quen é e que se sabe del?

Medios internacionais deron a coñecer esta cuarta feira novos detalles sobre o cidadán de Estados Unidos que cruzou sen permiso a zona desmilitarizada na fronteira entre Corea do Sur e Corea do Norte.
A fronteira desmilitarizada entre Corea do sur e Corea do norte (Foto: Europa Press / Contacto / Ryu Seung-Il).
photo_camera A fronteira desmilitarizada entre Corea do Sur e Corea do Norte (Foto: Europa Press / Contacto / Ryu Seung-Il).

Medios internacionais deron a coñecer esta cuarta feira novos detalles sobre o cidadán de Estados Unidos que cruzou sen permiso a zona desmilitarizada na fronteira entre Corea do Sur e Corea do Norte.

"Un cidadán estadounidense que participaba nunha viaxe de orientación das Forzas Armadas Conxuntas cruzou, sen autorización, a Liña de Demarcación Militar cara á República Popular Democrática de Corea (RPDC). Cremos que se atopa actualmente baixo custodia da RPDC", escribiu o Comando das Nacións Unidas (UNC, polas súas siglas en inglés).

"Non imaxino a Travis facendo algo así"

O mozo, de 23 anos, foi identificado como Travis King, informa ABC. Un funcionario estadounidense revelou ao medio que antes de cruzar a fronteira King pasara 47 días nun centro de detención surcoreano tras unha disputa con xente do lugar. Despois da súa liberación, pasou un tempo nunha base estadounidense de Corea do Sur e debía voar de regreso á base militar de Fort Bliss, en Texas.

Con todo, en lugar de embarcar no seu voo, dirixiuse á zona desmilitarizada, unha franxa de seguridade que protexe o límite territorial de tregua entre as dúas Coreas.

"Non me imaxino a Travis facendo algo así", afirmou ao medio a nai do mozo, Claudine Gates. Sinalou que a última vez que soubo do seu fillo foi "hai uns días", cando lle dixo que regresaría pronto á base de Fort Bliss. Engadiu que só quere "que volva a casa".

A versión de Washington

O Secretario de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, referiuse brevemente ao incidente nunha rolda de prensa decorrida a terza feira e asegurou que as autoridades estaban a seguir de perto a situación e investigando as circunstancias do acontecemento. "O que máis me preocupa é o benestar da nosa tropa. Seguiremos centrados niso", declarou.

Pola súa parte, o portavoz do Departamento de Estado, Matthew Miller, dixo durante unha sesión informativa que estaba claro que o soldado cruzara a fronteira "pola súa propia vontade", pero non indicou se se trataba dunha deserción. Tamén asegurou que o Departamento de Estado non se puxo en contacto con Corea do Norte. Con todo, supuxo que si o fixera o Pentágono.

A secretaria de prensa do presidente de Estados Unidos, Karine Jean-Pierre, declarou aos xornalistas que "a Casa Branca, o Departamento de Defensa, o Departamento de Estado e tamén a ONU están a colaborar para obter máis información [sobre o destino do soldado] e resolver esta situación".

Comentarios