O presidente surcoreano ofrece un plan de desenvolvemento conxunto ao norte

Reclama que Pyongyang aposte pola desnuclearización.
Yoon Suk-yeol, presidente da República de Corea, interveu esta segunda feira en Seúl para celebrar o final da ocupación xaponesa. (Foto: YNA / dpa)
photo_camera Yoon Suk-yeol, presidente da República de Corea, interveu esta segunda feira en Seúl para celebrar o final da ocupación xaponesa. (Foto: YNA / dpa)

"Estou aquí para propor un plan audaz que poida mellorar drasticamente a economía de Corea do Norte e os medios de vida das persoas, no caso de que Corea do Norte deixe de desenvolver armas nucleares e se comprometa coa desnuclearización", subliñou esta segunda feira o presidente da República de Corea, Yoon Suk-yeol, que cualificou de “esencial” este paso para garantir a estabilidade na rexión.

Este cambio de rumbo produciuse durante o seu discurso no 77 aniversario da liberación do país da ocupación xaponesa, o único día que celebran tanto a República do sur como a do norte.

Na intervención, Yool debullou que esta iniciativa incluiría “un programa de subministración de alimentos a grande escala, apoio á xeración de enerxía e infraestruturas de transmisión e distribución”, así como un plan para modernizar portos e aeroportos e “apoio técnico para a mellora de produtividade agrícola”. Asemade, apuntou que a proposta tamén terá unha dotación para a mellora do sistema sanitario e un programa internacional de investimento e asistencia financeira.

O mandatario surcoreano amosou a súa disposición a activar unha exención parcial das sancións contra a República Popular Democrática de Corea, se “o proceso de consultas de desnuclearización avanza correctamente, a Administración dos Estados Unidos tamén está disposta a abrir a súa mente para discutilo”, salientou Kim Tae-hyo, director adxunto da Oficina de Seguridade Nacional, en declaracións a Chosun. Amais, esta iniciativa engadiría “unha folla de ruta para a cooperación nos ámbitos político e militar”, sostivo.

Desenvolvemento conxunto

Un acordo deste tipo, que materialice “coas autoridades norcoreanas un plan de desenvolvemento económico conxunto entre as dúas Coreas”, incidiu Kim, sería o avance máis importante na normalización das relacións desde o Acordo de reconciliación, non agresión e intercambio e cooperación de 1991, que permitiu certos avances entre dous Estados que aínda están tecnicamente en guerra, ao ficar pendente un acordo de paz desde o armisticio de 1953 que puxo fin ás hostilidades.

Malia que, a priori, o conservador Partido do Poder Popular de Yoon ten unha política máis distante con respecto a Pyongyang que o liberal Partido Demócrata do ex presidente Moon Jae-in, Yoon recibiu unha importante presión nos últimos meses para dar un xiro no camiño cara á reunificación, que chegou ao seu punto álxido o pasado sábado.

Ese día, milleiros de persoas saíron á rúa en Seúl convocadas por forzas progresistas, sindicais e asociacións para exixir ao Executivo que suspendese a política de belixerancia cara ao norte e á China, e impulsase un tratado de paz e cooperación coa República Popular Democrática. Nesa liña, tamén reclamaron que sexan paralizados os exercicios militares conxuntos cos Estados Unidos, que ten arredor de 30.000 soldados destinados en bases militares do país.

Desde Pyongyang non houbo resposta oficial á proposta de Seúl. O presidente norcoreano, Kim Jong-un, fixo fincapé no seu discurso en que “se cultivamos as crenzas revolucionarias teremos a forza e o valor para levantar a terra e abrir camiños bloqueados”, recolle o Rodong Sinmun.

A próxima semana inician os exercicios militares conxuntos

Do 22 de agosto ao 1 de setembro as Forzas Armadas surcoreanas e estadounidenses desenvolverán unha serie de exercicios militares, precedidos por simulacros esta semana. Hai un ano, Corea do Norte condenou estes exercicios, aseverando que contribúen a xerar tensión na península coreana. Nesta ocasión, multiplicáronse tamén ao interior de Corea do Sur as críticas pola actividade militar conxunta co Exército dos Estados Unidos.

Comentarios