A China reporta 60.000 falecementos por coronavirus en pouco mais dun mes

As autoridades sanitarias chinesas aseguran ter pasado o pico de incidencia do gromo de coronavirus que atravesa o país.
Persoas suben a un tren na estación de Wuhan, na China (Foto: Ren Yong / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Persoas suben a un tren na estación de Wuhan, na China (Foto: Ren Yong / Zuma Press / Contacto Photo)

O Goberno chinés reportou 59.938 mortes relacionadas co novo brote de covid-19 entre o 8 de decembro de 2022 e o 12 de xaneiro de 2023 en hospitais de todo o territorio, segundo informou este sábado, 14 de xaneiro, a Comisión Nacional de Saúde.

Trátase do primeiro dato significativo de casos mortais publicado por Pequín desde que o país eliminou as restricións contra o coronavirus a principios do pasado mes de decembro.

Nunha rolda de prensa, o organismo detallou que, do total de falecidos, 5.503 eran pacientes que morreron por insuficiencia respiratoria a raíz do coronavirus e os restantes 54.435 eran infectados que tiñan outras doenzas. A maioría das vítimas foron persoas da terceira idade, cunha idade media de 80 anos.

O inverno é unha tempada considerada de alta incidencia de enfermidades respiratorias e agravamento das cardiovasculares e cerebrovasculares nas persoas anciás, fenómeno que incidiu no alto número de infeccións polo novo coronavirus, explica a comisión.

"O número de mortes nas persoas anciás é relativamente alto, o que nos impulsa a prestar máis atención aos pacientes de idade avanzada e facer todo o posíbel para salvar as súas vidas", engadiu o organismo chinés.

A China afirma ter pasado o pico de incidencia

Por outra parte, as autoridades sanitarias aseguraron que o pico da emerxencia por contaxios de covid-19 parece pasar e a taxa de detección de pacientes segue diminuíndo.

O pico rexistrouse o 20 de decembro e as deteccións do virus reducíronse a máis da metade esta semana, indicou Jiao Yahui, directora do Departamento de Asuntos Médicos da Comisión Nacional de Saúde da China.

Comentarios