A China critica as restricións ás viaxeiras e viaxeiros chineses sen base científica

A poboación chinesa que recuperou a posibilidade de viaxar a raíz da fin da política de "cero Covid" ve como cada vez máis países se suman á aplicación de restricións á súa entrada, xustificadas no impacto da pandemia, xusto cando a China se aliña no tratamento da Covid-19 coas políticas dos países occidentais.
As forzas de seguridade española exixiron onte medidas sanitarias adicionais en Madrid ás persoas procedentes da China. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera As forzas de seguridade española exixiron onte medidas sanitarias adicionais en Madrid ás persoas procedentes da China. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

“Opoñémonos firmemente a manipular as medidas de prevención e de control da pandemia para lograr obxectivos políticos”, remarcou onte Mao Ning, voceira do Ministerio de Exteriores chinés, tras comprobar como nos últimos días se multiplicaron os controis e restricións para o acceso da cidadanía chinesa a países como os Estados Unidos, Francia, Italia, Australia ou o Estado español.

O aumento das viaxes no país responde á fin a comezos de decembro da política denominada “cero Covid”, que acabou con varias restricións internas despois de protestas en distintos puntos do país e da constatación de que a variante Ómicron non avaliaba pola baixa mortalidade as medidas en marcha, o que levou a catalogar a doenza como de menor risco.

Amais, esta situación chega no marco das presións á China para que se una ás sancións unilaterais contra Rusia pola guerra en Ucraína e abandone a neutralidade que abandeiran a meirande parte dos Estados. As sancións foron aplicadas por unha cuarta parte dos países do mundo, todos da órbita da Organización do Tratado do Atlántico Norte.

Sen argumentos científicos

Ning fixo fincapé na carencia de base científica para limitar a mobilidade internacional da poboación chinesa por medio de medidas que definiu como “inaceptábeis” e “discriminatorias”, explicando que as variedades de coronavirus detectadas na China “xa están a circular polo mundo”.

Nese sentido, ratificou que “o principio de reciprocidade” nas relacións internacionais abre a porta a que opten por represalias contra estes Estados, incidindo en que están a compartir información sobre a situación co resto do mundo e a Organización Mundial da Saúde, coa que se reuniron onte.

Unha das principais expertas na materia no Estado español, a viróloga Margarita del Val, sostivo que “as posibilidades de que [a apertura chinesa] afecte ao resto do mundo onde o virus se multiplicou e transmitiu de maneira libre é mínimo”. Isto non impediu que Madrid reactivara a exixencia do Certificado Covid da Unión Europea para os voos procedentes da China por mor do “serio risco epidemiolóxico” que suporían novas variantes, un extremo que a experta descarta. “Á China estanlle a chegar as variantes que xa circulan polo resto do mundo”, conclúe.

Racismo

Unha situación semellante aconteceu en Australia, onde o Goberno laborista lanzou o domingo unha iniciativa para obrigar a presentar unha proba negativa de Covid-19 ás persoas que proveñan da China.

O Executivo tomou a decisión a pesar de que o médico xefe do Ministerio de Saúde, Paul Kelly, ratificou que “non creo que exista unha razón de saúde pública suficiente”, recolle o South China Morning Post. Tamén reaccionou iradamente a comunidade chinesa no país, que denunciou rapidamente que a medida é “racista” e busca sementar o “caos”.

Pola súa parte, a Unión Europea anunciou que hoxe decorrerá unha reunión de expertos de saúde para “procurar un enfoque común para a posíbel introdución de requisitos de entrada, é importante que adoptemos con velocidade as medidas necesarias”, debullou Jakob Forssmed, ministro sueco de Asuntos Sociais e Saúde Pública.

5.253 mortes con Covid

Este debate chega poucos días antes de que o 8 de xaneiro rematen as restricións de entrada á China para as persoas estranxeiras, após deixar de emitir visados turísticos hai case tres anos por mor da irrupción da pandemia de SARS-CoV-2.

Nese tempo, as autoridades chinesas comunicaron o falecemento pola doenza de 5.253 persoas, tres a segunda feira segundo o parte trasladado onte, mentres que os casos graves e críticos ascenden a entre 3% e 4% das persoas ingresadas, apuntou o People’s Daily.

Comentarios