China é o primeiro vendedor do Estado español

A economía chinesa xa supera a pandemia

O xigante asiático pasa a ser o primeiro vendedor do Estado español por diante de Alemaña. 
china-igadi

Os datos económicos non deixan de dar bos novas á China. Se a pasada semana os analistas de JP Morgan anunciaban que a economía chinesa se tornaba na segunda máis grande do mundo ao superar á da zona euro tras alcanzar en 2019 un Produto Interior Bruto (PIB) de 14 billóns de dólares, onte mesmo coñecíase que o xigante asiático pasaba a ser o primeiro vendedor do Estado español por diante de Alemaña.

Na mesma liña, o banco de investimento estadounidense advertía de que a capacidade de recuperación da China durante a pandemia ía achegala máis rapidamente do previsto aos Estados Unidos cun PIB de 21,3 billóns de dólares.

O comportamento da economía na China ao longo deste ano está sorprendendo todos os analistas. Após controlar nuns meses a pandemia, o Goberno de Pequín anunciou onte un medre interanual do PIB no terceiro trimestre de 4,9%, unha cifra que xera envexa ao resto dos Estados e que volve demostrar que unha recuperación económica rápida so é posíbel no caso de controlar o virus.

“Precisamos facer dos consumidores o piar fundamental da nosa economía. Así melloraremos a nosa capacidade de recuperación”

Tras unha caída do PIB de 6,8% no primeiro trimestre e unha suba de 3,2% no segundo, os datos do terceiro sitúano nunha expansión anual de 0,7% e aproxímano a 2% prognosticado polo Fondo Monetario Internacional (FMI) e polo Banco Mundial.

Segundo as autoridades chinesas, o crecemento resulta insuficiente, malia a ser a única economía mundial que remata o terceiro trimestre en positivo.

O consumo interno é un dos factores que explica esta situación. Neste sentido, o Goberno chinés reúnese esta semana para aprobar o plan quinquenal (2021-2025), onde o consumo interno pasa a ser un eixo central. “Precisamos facer dos consumidores o piar fundamental da nosa economía. Así melloraremos a nosa capacidade de recuperación”, avanzou ao Diario do Pobo Qui Baoxing. 


 

Comentarios