Concentracións e caceroladas convocadas ás 22 horas

Decenas de miles de persoas toman o centro de Barcelona contra a ofensiva autoritaria do Estado

Unha multitude ocupa neste momento o cruzamento entre a Gran Vía e Rambla de Catalunya. Centos de miles de persoas arrodean a sede do departamento de Economía no centro da cidade. É unha resposta masiva, popular, contra a ofensiva autoritaria do Estado.

miles

Unha nova Diada este 20-S, espontánea, non convocada, unha resposta que rebordou as arterias centrais da capital catalá. Esta é a reacción masiva á ofensiva sen precedentes dos aparatos do Estado, que esta cuarta feira descargaron un durísimo golpe contra as consellarías chave para o referendo 1-O, coa detención de altos cargos, entre eles a man direita de Oriol Junqueras, considerada unha peza fundamental na organización da consulta de autodeterminación.

A concentración multitudinaria na Rambla de Catalunya estase a producir ao mesmo tempo en que continúan os rexistos de distintas dependencias gobernamentais visando a inviabilización do referendo. Esta cuarta feira, efectivos da Garda Civil confiscaron perto de 10 millóns de papeletas nunha imprensa en Bigues i Riells. As pesquisas policiais teñen como obxectivo averiguar en que lugares garda a Generalitat as 6.000 urnas coas que tenciona realizar a consulta.


Caceroladas ás 22 horas

A auto-organización está a ser a tónica das mobilizacións cívicas que alastran toda a xeografía catalá nesta cuarta feira. O foco mediático está basicamente en Barcelona, mais os protestos están a se producir en todas as vilas e cidades do país.

Destarte, unha convocatoria viral, através das distintas aplicacións da mensaxería móbil, está a chamar a participar en caceroladas por todo o país. "Saíde ás vosas terrazas, balcóns e xanelas a meter tanto barullo como se poda, pacifica, mais notabelmente. Se non defendedes a independencia, defendede a democracia, a separación de poderes, a liberdade de expresión e de reunión, os direitos civís e humanos...", reza unha das mensaxes que rulan polos telemóveis das e dos cataláns.

Comentarios