Cederá Unidas Podemos ao aumento do gasto militar?

O Goberno de coalición volve estar dividido polas tensións entre UP e PSOE. Neste caso, polo compromiso dos países da OTAN de aumentar o seu gasto militar.
As ministras de UP Ione Belarra e Irene Montero. (Foto: Europa Press)
photo_camera As ministras de UP Ione Belarra e Irene Montero. (Foto: Europa Press)

O aumento do gasto militar acordado polos países integrantes da OTAN na cimeira do organismo atlantista que decorreu esta cuarta e quinta feira en Madrid está a supor unha nova división entre os dous partidos políticos que forman parte do Goberno español de coalición.

A intención do presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de elevar o teito de gasto militar até 2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 2029 tivo como resposta o rexeitamento de Unidas Podemos, que afirma que "o que necesita o Estado español son máis médicos e mestres e non máis armas".

Sánchez, preguntado por esta cuestión na rolda de prensa de valoración da cimeira, fixo referencia á necesidade dun "pacto de país que transcenda cuestións ideolóxicas". O presidente español quere levar ese incremento do gasto militar aos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado (OXE). En resposta, a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, asegurou que a maioría da investidura no Congreso non aprobará nunca uns orzamentos desas características.

Neste sentido, pediu unha "reflexión" ao socio de goberno do PSOE, ao tempo que puxo de exemplo o cambio de postura de Suecia e Finlandia, que abandonan a "neutralidade" das últimas décadas para adherirse á OTAN, unha vez superado o veto de Turquía.

Aumento da presenza do exército dos EUA

Ademais do aumento do gasto militar, outro dos puntos que divide a posición do Goberno español é o incremento da presenza militar do Estados Unidos (EUA) en solo español. Mais concretamente, na base militar de Rota, onde o presidente Pedro Sánchez e o seu homólogo, Joe Biden, agardan poder aumentar a relación militar coa presenza de dous novos destrutores da Armada estadounidense.

Para que isto poida levarse a cabo, o primeiro paso necesario é que o Goberno dos EUA envíe unha proposta formal para que aporten estes dous buques de guerra en Rota. Posteriormente, o Consello de Ministras e Ministros modificará o convenio asinado entre os Estados Unidos e o Estado español en 1988 sobre a presenza militar do primeiro no segundo. Finalmente, o Executivo estatal deberá levar esa modificación ao Congreso para ser ratificada.

Polo de agora, só o PP trasladou o seu apoio aos socialistas, tanto en relación ao aumento do gasto militar como da maior presenza militar dos EUA. Precisamente, a portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, pediu que o Goberno de coalición adopte unha posición conxunta para sacar adiante estas medidas.

Para Belarra, estas declaracións de Gamarra só buscan "romper" a unidade entre PSOE e UP. A ministra afirmou no Congreso que a súa formación agarda "convencer" aos socialistas de que as necesidades do Estado español non pasan actualmente por un "maior investimento en tanques ou en armas".

Comentarios